A organización do certame xa anticipou á veciñanza, institucións e patrocinadores as datas da XIX edición
A decisión foi tomada pola asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do certame, e así o foi anticipando nos últimos días a veciñas e veciños que prestan as súas casas e galpóns, ás principais institucións que apoian o certame como Concello do Porriño, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia ou Ministerio de Cultura, así como ós patrocinadores privados e empresas colaboradoras.
A organización ven traballando nas últimas semanas intensamente nos contidos e no deseño da que será a XIX edición, que seguirá inicialmente as liñas das dúas últimas edicións, dando maior relevancia ás proxeccións de cine, ás actividades, aos encontros e coloquios e ás actividades diúrnas, sen renunciar ás actuacións musicais que configuran unha das partes relevantes do certame.
Do mesmo xeito que nas dúas últimas edicións, trasladadas ambas ao mes de setembro debido ós condicionantes da pandemia, a organización está a traballar coa máxima prudencia. A experiencia adquirida leva á organización a traballar en paralelo cunha marxe para tomar decisións en cada momento, de acordo co que vaian determinando as autoridades sanitarias. O certame avanza tamén que nos vindeiros días abrirase o prazo de envío de curtametraxes o obras a concurso.
Un balance moi positivo de 2021
Malia as circunstancias derivadas das restricións impostas, o Festival de Cans acadou na súa última edición de 2021, a cifra de 7.500 espectadores. Destes, unhas 6.000 persoas asistiron de xeito presencial ás proxeccións, concertos e actividades do festival, e outras 1.500 persoas conectáronse de xeito virtual a algunha das seccións de curtametraxes ou coloquios en streaming a través das canles de difusión do certame, vía que seguirá a potenciar na vindeira edición do mes de maio.
O Festival realizou o pasado ano 121 contratacións laborais e contratou servizos a case 50 empresas locais, ademais de contratar directamente 140 habitacións a diferentes establecementos hoteleiros.
Outra das actividades que o Festival impulsou neste 2021 foi o ciclo “Cinemaldea”, que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias do Porriño, acadando a cifra de 250 persoas que asistiron presencialmente a estas proxeccións, co ánimo de achegar o cinema ao rural