domingo, diciembre 22, 2024
InicioNewsBaiona e Vigo, dous dos municipios nos que a Xunta impulsa as...

Baiona e Vigo, dous dos municipios nos que a Xunta impulsa as primeiras zonas de inundacións controladas

A Xunta destinará 2 millóns de euros o próximo ano a redactar os proxectos para impulsar as primeiras zonas de inundación controlada de Galicia para protexer determinadas áreas do territorio particularmente sensibles a este fenómeno e reforzar á vez a súa capacidade de resposta ante eventuais episodios de choivas intensas. En total, son sete os municipios que formarán parte desta primeira aposta e, entre eles, atópanse as localidades de Baiona e Vigo, entre outros.

Esta será unha das principais liñas de traballo de Augas de Galicia de cara a 2025 no marco da súa estratexia para facer fronte aos riscos derivados das inundacións no ámbito da bacía Galicia-Costa, unha planificación que inclúe un paquete con diferentes tipos de medidas a executar e o compromiso de mobilizar máis de 35 millóns de euros por parte da Xunta, segundo explicou o presidente Alfonso Rueda logo da reunión semanal do Consello.

Segundo un informe presentado esta mañá ante o Consello pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o organismo hidráulico considera prioritario habilitar zonas de inundación controlada en sete ríos da demarcación que presentan unhas características axeitadas para acoller este tipo de actuación, concibida para protexer as zonas urbanas e as infraestruturas próximas mediante a habilitación de espazos naturais que, en caso necesario, actúen como amortecedores de posibles inundacións.

Neste sentido, primaranse as intervencións na provincia de Pontevedra xa que concentra tres das cidades galegas con maior risco de sufrir os efectos derivados de posibles episodios de chuvia intensa (Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa) así como outros tres municipios (Bueu, Baiona e Cuntis) nos que Augas de Galicia considera que pode ser máis efectivo dispoñer dunha zona de inundación controlada. A sétima área proposta para 2025 estaría no municipio coruñés de Ponteceso.

Vigo e Pontevedra

En concreto, as propostas específicas para a xestión de riscos de inundación do ano que
vén inclúen a creación dunha zona de laminación controlada no río Valdecorvos, ao seu paso por Pontevedra. Nesta actuación o Concello xa ten traballado nun proxecto, polo que, de alcanzarse un acordo coa entidade local, podería ser a primeira en executarse.

Nos casos de Vigo e de Vilagarcía os puntos propostos como refuxios inundables fronte
a posibles episodios de asolagamento se localizarían en Sárdoma, no Lagares, e no río do Con e no rego de Leiro, respectivamente.

Bueu e Baiona

A zona de inundación controlada prevista no caso de Bueu estaría no río Bispo; a proposta para Baiona inclúe a creación dunha área inundable augas abaixo do mercado de Sabarís, na canle do río Groba; e en Cuntis os traballos consistirían na renaturalización da canle fluvial do Gallo e na creación dunha zona de asolagamento controlado na súa marxe dereita.

Finalmente, no caso de Ponteceso a área prevista para actuar como aliviadoiro cando se produzan precipitacións intensas estaría localizada na Xunqueira da Ferradura, nun dos regos que discorren polo municipio coruñés.

Cofinanciamento

Para garantir o pulo destas primeiras 7 zonas de inundación controlada —cun investimento global estimado en 20,9 millóns de euros—, Augas de Galicia ten reservados 2 millóns nos orzamentos de 2025.

En todo caso, para ofrecer a mellor resposta no menor tempo posible, o organismo hidráulico propón traballar nas zonas de inundación controlada e, de forma paralela e integrada, seguir avanzando no aproveitamento das zonas verdes en contornas urbanas como barreiras naturais de protección.

Por iso, o próximo ano prevese unha segunda liña de traballo prioritaria neste eido: a creación de corredores fluviais verdes co fin de empregar a vexetación de ribeira para reducir o risco de inundación en zonas sensibles.

Cun orzamento estimado para 2025 en 1 millón de euros, «a idea é manter e reforzar a vexetación propia destas áreas, medida que fai que en caso de avenidas as canles se manteñan estables e non leven terra cara ás desembocaduras e ademais, habilitan pulmóns verdes urbanos, un concepto totalmente en liña cos obxectivos da Estratexia galega de infraestrutura verde aprobada no mes de outubro», segundo explica a administración autonómica.

Nova planificación 2028-2033

Todas estas medidas veñen marcadas por un traballo de planificación previo, que se revisa e actualiza cada seis anos. Así, o actual Plan de xestión do risco de inundación (PXRI) 2021-2027 de Galicia-Costa identifica 198 áreas con risco potencial significativo de inundación —170 ARPSIS fluviais e 28 costeiras—. Esas zonas repártense en catro grupos, segundo o nivel de risco, e no cuarto inclúense os casos máis graves.

Segundo o PXRI actual hai catalogadas 47 zonas do grupo IV e nelas téñense estudado medidas específicas para reducir o risco de sufrir inundacións. Este plan de xestión é o resultado dun exhaustivo estudo en tres fases, que se teñen que repetir ciclicamente, das zonas máis sensibles a episodios de intensas choivas dentro de Galicia-Costa.

A primeira consiste en determinar as áreas do territorio cun risco potencial significativo de inundación, é dicir, nas que se considera máis probable. O segundo paso é a elaboración de mapas de perigosidade e risco nos que se establece o posible alcance deses asolagamentos atendendo a distintos escenarios ao tempo que se fai unha relación dos elementos susceptibles de verse afectados, e na última e definitiva fase elabórase o propio plan, que define as liñas básicas para previr e minimizar os riscos.

Trátase dun traballo continuo e que require dunha constante actualización como demostra o feito de que a Xunta, ao tempo que traballa na execución do PXRI 2021-2027, xa iniciou hai varios meses a tramitación de cara á elaboración do seguinte plan de xestión, que marcará a folla de ruta a seguir neste eido durante o período 2028-2033.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS