O Anexo da Sala Municipal de Exposicións no Edificio “Francisco Sánchez” acolle ata o 4 de xaneiro unha escolma das obras gañadoras do certame de pintura rápida «Pinta Tui». Neste ano, o concurso alcanza a súa novena edición. A exposición pode visitarse en horario de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.00 horas de luns a venres, e os sábados de 9.00 a 13.00 horas.
«Pinta Tui» celebrouse no mes de novembro coa colaboración do Concello e doutras entidades da cidade. Así mesmo, contou coa participación de máis dunha trintena de persoas de toda a provincia de Pontevedra e da Coruña. Nas súas obras, que agora se poden ver expostas ao público, recolleron espazos e lugares de Tui con diversas técnicas e estilos.
Na categoría de adultos o primeiro premio foi para Borja Rubén Martínez Salgado, o segundo para Bianca Fernández Díaz e o terceiro logrouno José Luís García Miranda. Na categoría xuvenil os premios foron para Mónica Rodríguez Estévez e María Jorge Cortizo. Mentres que en categoría infantil foron galardoados Lukas Pérez Ramilo, Mía Durán Rodríguez e Eva Corbillón Ferrol.