miércoles, diciembre 18, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoLevan ata o Congreso recuperar o servizo ferroviario desde Tui para conectar...

Levan ata o Congreso recuperar o servizo ferroviario desde Tui para conectar con Vigo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a comarca do Baixo Miño ante o «desmantelamento que está a sufrir en materia ferroviaria e o fechamento das estacións de Tui e Caldelas». Así o asegura a organización nacionalista, que levará ao Congreso a «aposta por recuperar o servizo ferroviario desde Tui para conectar con Vigo». Así mesmo, o deputado do BNG aposta pola conexión con Portugal, «superando a precariedade do tren Celta a través dun servizo máis moderno».

Neste contexto, os nacionalistas apuntan que «o servizo ferroviario das tres estacións asentadas na comarca do Baixo Miño leva sufrindo un «desmantelamento continuado durante os últimos 15 anos». E é que «a estación central de Tui, por exemplo, leva máis dunha década sen atención presencial e a día de hoxe non paran trens. Algo semellante ocorre na de Caldelas: abandonada desde hai 5 anos, sen venta de billetes e practicamente sen servizo». A estación de Guillarei é a única pola que pasa e para o tren Celta, pero «xa non dispón de atención persoal desde hai 5 anos e conta cun sistema de fechamento automático que supón un grave perigo para as persoas usuarias, quedando moitas veces encerradas dentro da estación».

O deputado, o nacionalista Néstor Rego, anuncia o rexistro de iniciativas no Congreso para reverter esta situación. Rego estivo acompañado polos deputados do BNG no Parlamento de Galicia, Brais Ruanova e Paulo Ríos, as alcaldesas do Rosal, Ánxela Fernández, de Tomiño, Sandra González, e representantes institucionais do BNG no resto de concellos da comarca como Tui –coa voceira Carmen Núñez, Xosé Tato, Ánxela Estévez e Xosué Campos-, da Guarda –co voceiro Anxo Baz e Xosé Manuel Rodríguez- e militantes do BNG de Oia. Todos eles participaron nunha reunión co ex-xefe da estación de Tui, Rafael Calvo de Mora, e traballadores e traballadoras de Comboios de Portugal.

“Nun momento en que se está apostando polo ferrocarril como medio de transporte do futuro, por ser máis eficaz, eficiente e sustentable, o Goberno debe impulsar servizos ferroviarios nesta parte do País. Para iso, é necesaria a modernización das infraestruturas e garantir que Tui non quede excluído do servizo ferroviario con Vigo e Portugal” subliña o deputado nacionalista. En opinión de Rego, «é vital para o Baixo Miño dispor dun servizo ferroviario en Tui que o conecte con Vigo para artellar a área metropolitana, e que ademais poña en valor o papel de Tui como entrada en Galicia desde Portugal, superando a precariedade do tren Celta e apostando pola modernización do servizo».

No concreto, reclama ao Goberno modernizar a liña convencional Vigo-Tui e negociar con Portugal para renovar o material rodante de Comboios de Portugal e aumentar as frecuencias de forma que, parando na estación de Tui, poidan estabelecerse conexións de proximidade co Porriño e con Vigo.

“Durante anos, o servizo ferroviario tudense foise deteriorando de tal xeito que se pasou de ter tres estacións operativas a, hoxe en día, só unha –Guillarei- que ten moitas deficiencias” denuncia Néstor Rego. Pola contra, o BNG, no canto de seguir a mesma liña que os sucesivos gobernos estatais, defende a necesidade de restabelecer e recuperar servizos ferroviarios e mesmo incorporar novos: “cabe a posibilidade dun servizo lanzadeira a horas punta para garantir a circulación de persoas entre Tui e Vigo” sinala.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS