viernes, noviembre 29, 2024
InicioComarcasO CondadoPONTEAREAS dinámica, activa, emprendedora

PONTEAREAS dinámica, activa, emprendedora

Vivimos nunha vila xove, con ganas de medrar e con maioría de mulleres
(segundo datos de 2020, 700 mulleres máis ca homes). A poboación entre 18 e 65 anos
en Ponteareas representa ao 64,9%. E a poboación menor de 18 anos representa ao
17,9%.
A data de novembro de 2021 tiñamos 3.164 afiliados á Seguridade Social no
réxime xeral e 1.666 no réxime de autónomos. É dicir, somos unha vila con futuro, no
que o comercio local e a hostalaría representan unha parte moi importante da nosa
economía e somos unha vila na que as mulleres temos moito que dicir.
O pasado xoves asistimos a unha manipulación torticeira e adulterada da
realidade do noso pobo; orquestrada polo Partido Popular e seguida, como can que
segue fielmente ao amo, por ACIP, onde tentaron difundir e disuadir á xente de mercar
en Ponteareas. Porque dende logo con campañas de nadal onde pregoas que o comercio
morre ou o matan escusas facer ningunha campaña de nadal. É unha mágoa que o PP
non amose o mesmo ímpeto nas manifestacións pola defensa da sanidade onde nin
asoman sequera a cabeza. Manifestacións, por certo, celebradas algunhas delas na nosa
vila. En toda a lexislatura, a edil do PP que ostenta a vicepresidencia da asociación
minoritaria de comerciantes Tea, non presentou nin unha soa proposta para o comercio
de Ponteareas. Non temos constancia que pedise unha soa reunión co goberno para
propoñer accións conxuntas en favor da nosa vila. Actitude esta que non resulta extraña
xa que cando, supostamente, a túa adicación é repartir para grandes compañías que van
en detrimento do comercio local non cabe esperar outra cousa. E non podemos
esquecer que o PP recibe un soldo do Concello por realizar a súa labor na oposición. E o
mesmiño ocorre con ACIP; tamén recibe unha adicación do concello pero non se lles ve
traballo ningún en favor do noso pobo.
A concentración, convocada por unha asociación minoritaria de comerciantes
que ten como parte visible e dirixindo a mesma a unha edil do PP que nin sequera ten
comercio físico na nosa vila, pretendía amosar unha política en contra das
humanizacións, das peonalizacións, das obras de remodelación do noso pobo, en
definitiva, do avance cara unha vila fermosa, habitable e propia do século XXI. Esta
situación non é nova. Cando na anterior lexislatura tomei a determinación de impedir
que os vehículos puidesen transitar pola Praza Maior a resposta foi pancartas por todo
o pobo e plenos onde se faltaba ao respecto da institución. Hoxe temos unha Praza
Maior libre de tránsito rodado e ocupada polas persoas.

Non pretendo restar importancia nin desconsiderar a concentración do pasado
xoves na porta do Concello. As persoas gozamos de liberdade para amosar o noso
parecer. Pero non é menos certo que toda esta situación require unha análise tranquila,
sosegada e realista da situación actual. As obras molestan sempre, aquí e en calquera
parte do país, pero o seu beneficio compensa a longo prazo as molestias xeradas.
Cando o PSOE chegou ao goberno de Ponteareas en 2015 o comercio estaba
dividido, abandonado a súa sorte por unha política inexistente do PP. O proxecto
socialista era a unión do comercio e a hostalaría para poder medrar todos xuntos. Así
naceu Banastra, impulsada pola concelleira socialista Inés Vidal, a Federación de
Comercio, hostalaría e servizos que aglutina a todo o tecido comercial e hostaleiro a
excepción da asociación co dirixida pola edil do PP.
Esta Federación que centra os seus esforzos en impulsar a actividade comercial,
empresarial, gastronómica e turística sabe da importancia de fomentar o comercio e
atraer a toda a comarca á nosa vila. O PSOE apoiou e sempre apoiará todas as iniciativas
que sexan construtivas, que busquen o crecemento do noso pobo para que Ponteareas
siga sendo o referente da comarca. Ponteareas precisa actuacións que leven ao
crecemento da vila, sobre todo no intre actual e nos vindeiros anos para saír todos
xuntos da crise social e económica que provocou a pandemia. Unha actuación que
temos que definir nestes días é a ubicación do novo centro de saúde. Así, como xa
manifestamos publicamente, temos ante nós a oportunidade de acercar o centro de
saúde ao centro do pobo, o que propiciará o dinamismo comercial. Esta é a nosa aposta.
Unha aposta pola ubicación do centro de saúde nos terreos de Aceiros de Galicia ou
Granitos, de xeito que as preto de 1000 persoas diarias que frecuentan o centro de
saúde poidan facilmente mercar, ir ao banco, tomar un café ou pasear polo centro da
vila.
Ponteareas non precisa ruído, non precisa slogans agoireiros, non precisa
políticas mediocres que buscan a confrontación. Ponteareas precisa acción, unión,
altura de miras e saberse importante como sempre foi, como é e como será se todos
remamos xuntos.
O PSOE sempre está a disposición dos veciños e veciñas. Escoitaremos sempre
aos nosos comerciantes pensando sempre no ben común, porque o que é bo para todos
é bo para o individuo.
Eu me quedo coa Ponteareas dinámica, activa, emprendedora, que foi capaz de
unirse nunha Federación para mellorar. Fronte a isto o único que temos é ruído e
campaña electoral.

Vanesa Fernández Soage, concelleira socialista en Ponteareas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS