A luz do Nadal chega ao Rosal. O Concello dá esta fin de semana o pistoletazo de saída a unha programación chea de actividades para todas as idades. Nesta axenda combina cultura, deporte, solidariedade e tradición para celebrar estas festas de forma moi especial. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta programación é unha oportunidade para unirnos, gozar da cultura, apoiar o comercio local e compartir momentos únicos todas e todos xuntos”.
O Nadal comezará nas rúas rosaleiras este venres 6 de decembro co tradicional acendido das luces de Nadal ás 19.00 horas na Praza do Calvario. Un ambiente festivo que se poderá desfrutar no Mercado de Nadal durante os días 6, 7 e 8 de decembro, tres días dedicados á artesanía, gastronomía e deseño no Salón de Exposicións do Concello. O mercado estará aberto ao público de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Ademais, contará cada tarde cunha chocolatada organizada pola Agrupación Musical do Rosal.
O domingo 8 de decembro, a programación continuará co Festival Attitude, organizado pola Escola de Danza Attitude e que se celebrará ás 18.00 horas no auditorio municipal. Seguiralle unha oferta cultural variada con teatro, música e propostas infantís. O 13 de decembro coa obra do Foro Novo Teatro ás 19.30 horas na Escola Simón do Mazo e o 14 co Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal no mesmo horario no auditorio. Así mesmo, o 15 de decembro co Concerto de Nadal de Ecos do Folón ás 18.00 horas tamén no auditorio municipal.
Diferentes protagonistas da programación
A cativada tamén será unha das grandes protagonistas da programación de Nadal co regreso dos Venres Rebuldeiros. Esta vez con pintura navideña en inglés guiada pola artista británica Esther Moe o 20 de decembro ás 17.00 horas no Centro Social Polivalente. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse de forma presencial ou chamando por teléfono ao Concello.
A sustentabilidade tamén estará presente nestas datas co Obradoiro de Nadal Sostible o 22 de decembro de 11.00 a 13.00 horas. Será a través dunha sesión para adultos no Centro Social Polivalente e outra para crianzas na Escola Simón do Mazo. Ambas actividades contan con inscrición previa no Concello. Xa pola tarde, a música volverá co Concerto de Nadal da Agrupación Musical do Rosal ás 18.00 horas no auditorio.
Outras propostas culturais será «A lingua somos todos» ao abeiro do Nadal en Rede, un espectáculo de música, relato e poesía para poñer en valor o potencial do galego o 17 de decembro ás 19.30 horas na Biblioteca Municipal. O Rosal mergullarase xa de pleno no Nadal coa visita da Apalpadora Iseo, que baixará das montañas para achegarse á Biblioteca Municipal. Será o 23 de decembro desde as 17.00 horas para encher de ilusión aos máis pequenos e pequenas.
Últimas actividades do Nadal no Rosal
A programación inclúe ademais eventos deportivos como O Rosal Handball Cup do Valinox Novás do 26 ao 28 de decembro, que durante tres días reunirá máis de 150 xogadores de balonmán de Galicia e Portugal.
O día 28 entregaranse os premios do Concurso de Relato Curto Concello do Rosal ás 18.00 horas no auditorio municipal. Ademais, ao día seguinte, o 29 de decembro, a Agrupación Musical do Rosal trae ao auditorio municipal o Concurso de Panxoliñas de Corais Infantís.
O final do ano chegará con forza coa San Silvestre na Praza do Calvario o 31 de decembro. Xaneiro comezará coa visita dos Reis Magos o día 5, que percorrerán os barrios pola mañá e estarán na Praza do Calvario pola tarde, con actividades como pintacaras, chocolatada familiar e o espectáculo infantil «Máis sabor».