O primeiro Programa Integrado de Emprego de Ponteareas deixa un saldo positivo, un 53% do alumnado acadou a inserción laboral. Ademais, ata 80 persoas tiveron unha oportunidade laboral en empresas da zona. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, pechou hoxe a primeira edición deste programa de emprego. Esta iniciativa ten como peculiaridade o asesoramento individual e o deseño personalizado do itinerario de cada alumno. No acto, a rexidora local estivo acompañada do delegado do goberno da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
“Seguiremos con políticas activas de emprego que poñemos en marcha grazas ao compromiso e apoio da Xunta de Galicia. Neste ano e medio leva investido máis de dous millóns de euros concedéndonos dous obradoiros duais de emprego de máis de 500.000€ cada un. Tamén dous PIEs de máis de 220.000€ en cada edición, un obradoiro xuvenil de emprego e o Programa Xuventude Mentoring na Empresa”, asegurou Nava Castro. Feitos que o delegado da Xunta en Pontevedra valorou como “a mellor política social é a política de emprego. Polo tanto, a Xunta seguirá a financiar e apoiar este tipo de iniciativas que, ademais, están a ter excelentes resultados».
O acto estivo conducido pola concelleira de Emprendemento, Silvia Fernández Táboas. Neste evento entregáronse os diplomas ás 100 persoas participantes que ao longo destes doce meses melloraron a súa formación. Ademais, fortaleceron as súas aptitudes e incluso actitude á hora de procurar emprego.
A alcaldesa xunto á concelleira de Emprendemento e ao delegado da Xunta deron a benvida ao alumnado do segundo Programa Integrado de Emprego. “Acompañar, apoiar e animar son parte dos principios que sustentan o empeño do goberno de Ponteareas en implantar políticas de emprego activas, programas e iniciativas que formen, habiliten e nutran ás persoas que procuran emprego” , así o traslada a alcaldesa de Ponteareas.
Programa Integrado de Emprego de Ponteareas
O Programa Integrado de Ponteareas persegue un coñecemento das persoas beneficiarias para descubrir as súas motivacións, cualidades e fortalezas. Isto para realizar un deseño da formación que deben recibir e logo acompañalos na procura de emprego. «Os datos avalan a eficacia do programa e da metodoloxía baseada nun deseño individual e personalizado de cada itinerario no que se descubran as potencialidades de cada persoa e se trace o camiño a seguir», asegura Nava Castro.
Guiados por profesionais en formación e orientación laboral, os alumnos aprenden a afrontar unha entrevista de traballo e a redactar o seu currículo. Tamén descobren novas posibilidades, reciben formación en distintas materias tendo en conta a demanda do mercado laboral e adquiren seguridade á hora de relacionarse laboralmente. Os técnicos do Programa Integrado de Emprego traballan en rede dun xeito colaborativo co tecido comercial e empresarial para atopar solucións laborais.
Ao longo dos meses de duración o Programa Integrado realiza un acompañamento integral e posibilita a realización de prácticas en diferentes empresas da contorna. Ao remate do curso as persoas participantes terán adquiridos coñecementos de ferramentas de procura de emprego, atención ao público e ao cliente, carretilleiro, albanelería e hostalaría. Así mesmo, de caixeira, almacén e loxística, operario automoción, fontanería, electricidade e recursos dixitais entre outros moitos aspectos. Non obstante, sobre todo seguridade en si mesmo para crer nas súas capacidades, sendo ese o éxito do programa.