A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a tres anos de cárcere a unha muller por estafar, de forma continuada, ao seu tío octoxenario, aproveitándose da deterioración cognitiva que padecía. Ademais, impúxolle o pagamento dunha indemnización de 76.274 euros -43.020 euros ao fillo da vítima e 33.254 euros a unha sociedade-. Os maxistrados salientan que a acusada quebrantou “os deberes de lealdade que lle incumbían, xa que, prevalecéndose da relación de confianza que como parente directa da vítima mantiña con ela e coa súa familia, e aproveitándose do seu illamento, soidade e deterioración cognitivo, froito da demencia vascular que padecía, urdiu un engano para obter a autorización e apoderamento nas súas contas correntes e fondos, o que obtivo escasos días despois de iniciar a convivencia”. Todo iso evidencia, segundo a sentenza, “a execución dun plan preconcibido que se foi xestando ao ter xa un coñecemento previo nos anos anteriores da deterioración progresiva do seu tío”.
O tribunal considera probado que a muller aproveitou que o único fillo da vítima residía no estranxeiro, aínda que mantiña contacto telefónico habitual con el e se desprazaba en períodos vacacionais ao Carballiño, “para manifestar aos Servizos Sociais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), no momento no que lle ían a dar o alta hospitalaria, que o seu tío carecía de familiares, levándoo a vivir con ela e co seu esposo ao seu domicilio, á vez que impedía todo contacto do pai co fillo, argumentando a este último que era decisión do seu pai”.
“Apenas unha semana despois do alta en urxencias, a acusada, aproveitándose do estado de vulnerabilidade e deterioración cognitiva do seu tío, trasladouno a unha sucursal bancaria, onde asinou a cancelación dun depósito a prazo titularidade da sociedade que tiña como únicos socios ao pai e ao seu fillo, por importe de 25.000 euros”. A Sala entende probado que o día 27 de setembro de 2019, a acusada, coa finalidade de descapitalizar a citada sociedade, trasladouno novamente á mesma sucursal, onde asinou o reintegro de 33.254 euros da devandita conta corrente, facendo súas as cantidades retiradas. Así mesmo, o 30 de setembro de 2019, a acusada, “aproveitándose da deterioración cognitiva e ausencia do resto da familia do seu ancián tío, e sen falalo previamente co seu único fillo, levouno ante un notario, ante quen outorgou dúas escrituras públicas, unha delas na que nomeaba á acusada como apoderada con amplas facultades; e, a segunda, onde a designaba como titora para o caso de incapacidade”.
“A acusada, conseguiu, prevalecéndose do illamento do seu tío e a súa grave deterioración cognitiva, que lle impedía coñecer o alcance dos seus actos, que a autorizase na conta corrente da que aquel era titular, o que lle permitiría efectuar reintegros de efectivo con tarxeta de débito en dita conta por importe de 16.600 euros, así como pagos con tarxeta por importe de 16.942,3, cantidades que a acusada fixo súas, ao non acreditarse que ningunha delas, se dedicase á atención e coidado da vítima”, indican os maxistrados na resolución, na que sinalan que en xuño de 2020, o octoxenario foi ingresado pola acusada nunha residencia, “a pesar do cal, desde esa data e ata o 15 de abril de 2021, seguindo co plan de facerse co patrimonio do seu tío, efectuou reintegros de efectivo con tarxeta de débito en dita conta por importe de 5.850 euros, así como pagos con tarxeta por importe de 3.277,75 euros, algúns tan rechamantes como pagamento de 1.195 euros para unha piscina”.
O afectado foi incapacitado por sentenza en xaneiro de 2021, sendo o seu fillo designado como titor. Nese fallo acordouse expresamente a revogación de poderes previamente outorgados pola vítima, que faleceu en abril de 2021, deixando como único herdeiro ao seu fillo.