As olas e o mar do Grove trasladáronse, cando menos por unhas horas, ata o municipio de Ponteareas. E é que a asociación de empresarios Emgrobes xunto ao Concello da localidade costeira escolleron a capital da comarca do Condado para poñer en valor a Festa da Centola co obxectivo «de dar a coñecer este evento gastronómico desde unha vila do interior», tal e como explicaron na presentación que tivo lugar na casa consistorial de Ponteareas este martes.
Na presentación, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu ao alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, que apostara por Ponteareas para promocionar «un dos manxares que temos en Galicia». O rexedor puxo en valor «a boa relación que mantemos con Nava Castro» e indicou que «O Grove sitúase a tan só unha hora de Ponteareas polo que é unha boa opción para pasar unha xornada ou varias e, sobre todo, nestes días que se celebra a Festa da Centola do Grove«. De igual xeito, Cacabelos explicou que o motivo de que se presente este evento gastronómico na vila do Tea foi a solicitude da asociación de empresarios, Emgrobes, «que optaban por levar ata un municipio do interior a nosa centola e pensaron en Ponteareas».
No acto, tamén estiveron presentes o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a vicepresidenta de Engrobes, Esperanza San Martín, que realizou un percorrido polas fortalezas do Grove na súa exposición e ensinou ao público un video no que se amosa o traballo e a devoción que se esconde detrás da centola. Diferentes cofrarías acompañaron, de igual xeito, aos representantes na tarefa de presentar a Festa da Centola do Gove en Ponteareas. Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, apuntou que «é un orgullo para nós que pensarades en Ponteareas para presentar a Festa da Centola».
XXII Xornadas da exaltación da Festa da Centola do Grove
A Festa da Centola do Grove comezou o 11 de novembro e apura agora os últimos días no que este manxar ocupa o centro da gastronomía da vila. Ata o próximo 8 de decembro, os restaurantes da localidade ofrecen preparacións especiais nas que o protagonsita é a centola, acompañada doutros productos da rexión. Ademais, a programación inclúe actividades culturais así como obradoiros, concurso de cociña, degustacións e concertos, entre outras cuestións.
Podes consultar máis información sobre este evento gastronómico do Grove, aquí.