A concellería de Comercio do Concello de Ponteareas abre o prazo de inscrición para participar no Concurso de Escaparates de Nadal. Ata este domingo, 8 de decembro, ás 23:59 horas os establecementos interesados poderán inscribirse nas oficinas da concellería de Comercio. Tamén a través do correo electrónico da asociación comercial Banastra ponteareascomercial@yahoo.es ou da concellería comercio@ponteareas.gal. Así mesmo, está dispoñible a inscrición mediante o teléfono ou o correo da asociación comerciantes Tea (648 43 98 16 e as.c.tea@gmail.com). Nos correos será imprescindible indicar no asunto o “Concurso de Escaparates 2024”.
Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar o comercio local e contribuír a ambientar as rúas. “Para crear un percorrido festivo que convide ao paseo e ofreza un escenario alegre, proxectando todas e todos xuntos unha imaxe homoxénea”, explica Ricardo González, concelleiro de Comercio.
O xurado valorará os motivos de Nadal e nacementos; a forma de presentación dos produtos e composición. Tamén o cumprimento das regras que a Concellería estima indispensables “menos é máis, unidade (harmonía segundo cor, materiais…), visibilidade, limpeza e orixinalidade”. O Concello entregará un primeiro premio consistente nun vale “Hotel + Cea + Experiencia Termal” no complexo do Balneario de Mondariz e un segundo e terceiro premio de «Sesión SPA + Masaxe», tamén no Balneario de Mondariz.
O período de exposición dos escaparates participantes será obrigatorio dende o 12 de decembro de 2024 ata o 7 de xaneiro de 2025 e a cerimonia de entrega de premios terá lugar o 23 de decembro de 2024.