Chamamento das autoridades aos proxenitores para que non dubiden en levar aos seus fillos e fillas a vacinarse contra a COVID-19. Comezou a inmunización das nenas e nenos de 9 a 11 anos; un total de 15.000 cativos e cativas. Os pais deben acompañalos cun consentimento asinado.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aconsella a vacinación infantil para «non desperdiciar a oportunidade» de protexer os nenos e, desta forma, a profesores, pais e avós.
«É algo que levamos esperando hai meses», dixo tras participar nunha xornada na Coruña, onde trasladou a «mensaxe de esperanza» que supón «por fin» poder vacinar os nenos.
Este mércores adminístranse as vacinas aos nenos e nenas inmunodeprimidos nos hospitais, e esta tarde empezarán os primeiros 12.000 convocados en centros de vacinación ata completar, o sábado, os 60.000 de 11 anos, 10 e a metade dos de 9.
O presidente confía en que este proceso, para o que se require o consentimento asinado, siga a «normalidade» que caracterizou o dos adultos, un ámbito en que cre que haberá «boas noticias» porque espera máis vacinas na primeira semana de xaneiro para continuar vacinando ao ritmo que se vaian facilitando doses.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, animou os pais a que leven os seus fillos a vacinar e afirmou que «confían nunha alta participación» como a que houbo no grupo dos mozos de entre 12 e 16 anos.