jueves, diciembre 5, 2024
InicioNewsGalicia inicia o Plan de Inverno 2024-2025 para afrontar "coas máximas garantías...

Galicia inicia o Plan de Inverno 2024-2025 para afrontar «coas máximas garantías a tempada de gripe»

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta deu luz verde ao Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 que “conta como novidades cunha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que servirán para predicir as necesidades asistencias derivadas de infeccións respiratorias agudas”.

Así, Galicia será pioneira na posta en marcha deste plan para “afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias”, a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. “O plan suporá un investimento extraordinario de 8 millóns de euros en persoal, que se suman aos 11,3 millóns de orzamento da campaña de vacinación”, indicou Rueda.

Estas infeccións respiratorias agudas, especialmente a gripe, implican un aumento da carga asistencial no Servizo Galego de Saúde e na utilización dos seus recursos humanos e materiais. Por iso, o plan, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde permitirá optimizar os recursos en función da situación epidemiolóxica de cada momento.

Para anticiparse, a Xunta crea unha rede de vixilancia de farmacias sentinela, con 70 oficinas, que, tal e como apuntou o presidente do Goberno galego, “informarán de forma semanal das dispensacións de medicamentos antigripais e de tests de antíxenos”. Isto permitirá analizar estas dispensacións comparándoas coa taxa de consultas por infeccións respiratorias agudas en atención primaria e coa taxa de ingresos hospitalarios con gripe confirmada.

Do mesmo xeito, os sistemas de información empregados na vixilancia epidemiolóxica contarán cos rexistros semanais de consultas por infeccións respiratorias agudas (ademais de gripe e covid, tamén larinxite e amigdalite agudas, bronquite, pneumonía bacteriana e viral ou bronquiolite, entre outras). Así mesmo, incorporarase un novo modelo matemático que “permitirá detectar os cambios na epidemia de gripe con dúas semanas de antelación, baseado na Intelixencia Artificial”, explicou Rueda.

Con este plan, as sete áreas sanitarias contarán con recomendacións homoxéneas de medidas que se deben adoptar, tanto transversais como específicas, en función do escenario en que se atopen segundo a presión de urxencias e a ocupación da hospitalización. “O Servizo Galego de Saúde dispón de capacidade para ampliar o número de camas de hospitalización, en caso de ser necesario, en máis de 600”, lembrou.

A análise epidemiolóxica que se obtén de forma anticipada grazas aos modelos de predición “permite planificar a mobilización de recursos e optimizar procesos asistenciais”, especialmente nas áreas de urxencias hospitalarias, hospitalización e actividade cirúrxica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS