O Concello de Ponteareas informa que o Boletín Oficial da Provincia publicou as bases para o “Concurso do cartel do Corpus”. As persoas interesadas terán vinte días naturais para presentar as súas propostas rematando o prazo o xoves día 19 de decembro.
A concellería de Turismo, que dirixe Nicolás Rodríguez, adianta que as bases poderán consultarse na páxina web municipal (www.ponteareas.gal) e nas redes sociais (Facebook de Cultura e Turismo Ponteareas). Os traballos entregaranse no rexistro de entrada do Concello de Ponteareas de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Para garantir o anonimato, as ou os concursantes deberán absterse de asinar as obras que presenten, que designarán baixo un lema/pseudónimo.
Catro persoas relacionadas co mundo das Belas Artes (deseñadoras e deseñadores, artistas, alfombristas, entre outros) valorarán os traballos presentados. Atendendo aos criterios de mellor deseño gráfico, calidade técnica e artística, impacto visual e creatividade e orixinalidade no deseño.
A persoa gañadora recibirá un único premio de mil euros. O concurso de cartel do Corpus Christi de Ponteareas achega a tradición alfombrista a todas as persoas do mundo que queiran participar. Así, difunde e pon en valor esta arte que ten o recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría inmaterial e que camiña para obter o recoñecemento da UNESCO.
O concurso do cartel do Corpus Christi segundo comunica o Concello de Ponteareas «prolonga o carácter participativo e social das alfombras florais de Ponteareas e o legado artístico desta arte efémera» sinalan. Sergio de Arcos foi o gañador da edición anterior, cun deseño que salientou a unidade veciñal e o traballo previo nos portais alfombristas.