viernes, noviembre 29, 2024
InicioNewsComarcasA Garda Civil intervén medio milleiro de litros de augardente e un...

A Garda Civil intervén medio milleiro de litros de augardente e un alambique en Salvaterra de Miño

Axentes da Garda Civil do Destacamento Fiscal e Fronteiras de Tui interviñeron preto de 500 litros de augardente de herbas xunto a un aparello que os propietarios dunha vivenda situada en Salvaterra de Miño empregaban para destilar o licor, un alambique. A actuación levouse a cabo neste municipio do Condado o pasado 25 de novembro.

A operación deu como resultado a incautación de 496 litros de augardente de herbas, tostada e branco, que se destilara sen a correspondente autorización, segundo apuntan desde a Dirección Xeral da Guardia Civil.

No que se refire á tenencia de alcol de alta gradación carente de precintas fiscais que xustifiquen o pagamento do tipo impositivo correspondente, a Garda Civil procedeu á aprehensión dos 496 litros de suposto augardente branco, augardente de herbas e augardente tostado, tomando unha mostra de cada un deles para o seu traslado, análise e depósito en dependencias da Administración de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, «quedando o resto baixo custodia do responsable», tal e como explican desde a Garda Civil.

As dúas infraccións poderían carrexar multas de máis de 8000 euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS