O Concello de Porriño continúa co obxectivo de resolver unha necesidade histórica das súas parroquias, a mellora e ampliación da rede de saneamento. Recentemente, licitáronse dous novos proxectos que suman un investimento de máis de 535.000 euros. Estes engádense aos máis de 3 millóns de euros investidos no último ano para ampliar a rede. As obras están financiadas polo Concello de Porriño, o Consorcio de Augas do Louro e a Deputación de Pontevedra. Destácase o traballo conxunto entre administracións para alcanzar un saneamento integral canto antes.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe os dous novos proxectos que se atopan xa en licitación. En primeiro lugar o de Sobral-Eiriz, na parroquia de Budiño que dará servizo a 38 vivendas, beneficiando a máis de 150 veciños da zona. Cun orzamento de 344.000 euros, resolverá a falta de servizo de saneamento público que actualmente se cobre con fosas sépticas. A actuación consistirá na prolongación da rede de saneamento en catro tramos, sumando un total de 1.142 metros de tubaxe. Instalaranse colectores de 300 e 250 milímetros de diámetro en PVC macizo, o que mellorará significativamente o servizo e a calidade de vida dos residentes.
En segundo lugar, o correspondente a Seixo, na parroquia de Torneiros, que conecta a estrada EP-2401 co núcleo de Arrotea en Pontellas. Cunha extensión de 1.028 metros de tubaxe e a instalación de 41 pozos de rexistro, prevese a instalación de 4 colectores por gravidade, tamén de PVC macizo de 300 e 250 milimetros de diámetro. Estas obras conectarán 30 vivendas beneficiando a máis de 100 veciños.
O saneamento nas parroquias, unha cuestión prioritaria
O alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo, reiterou que a rede de saneamento e a mellora das estradas e camiños nas parroquias son unha prioridade para o goberno municipal. Asegura que, desde o executivo local, trabállase sen descanso para xestionar fondos doutras administracións e facer realidade estes proxectos. Destacar neste punto que o Concello do Porriño destinou nos últimos dous anos máis de dous millóns de euros de fondos propios. Lorenzo subliñou a importancia da planificación desenvolvida polo Concello, que permite reducir os tempos administrativos e acceder ao financiamento de maneira máis rápida e eficiente.
Neste sentido, redactáronse varios proxectos que xa están listos para a súa execución, á espera unicamente das autorizacións sectoriais pertinentes. Entre estes inclúense o de Novás (Atios), Benunes (Budiño), Penedo-O Toxal-Chenlo e O Caeiro (Chenlo), O Monte (Mosende), A Devesa e Folón (Mosende), A Louriña (Pontellas), A Torre dos Eidos (Atios), Pontenova (Atios), A Graña e Sequeiras (Cans), San Andrés, O Barbeito (Mosende), así como outras ampliacións en Atios, Pontellas e Mosende.