A solidariedade non entende de distancias e no Concello do Rosal puidose ver co exemplo dado por Rafael, Roberto e Pascual, tres veciños do municipio que se desprazaron a Valencia para contribuir nos labores de reconstrucción tras a catástrofe ocorrida o pasado mes de outubro.
Por este motivo, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, fixo entrega este mércores dunha placa de agradecemento a estes tres veciños «pola súa contribución, esforzo e compromiso coa recuperación da zona afectada».
Rafael Gil e Roberto Gómez foron os dous voluntarios de Protección Civil do Rosal
que se desprazaron ata Valencia para ofrecer os seus servizos en plena emerxencia. Partiron cara a Valencia coa pick up cargada de torres de iluminación, bombas de achique de gran caudal e material de limpeza para achegar o seu gran de area nun escenario cheo de barro e escombros.
Pola súa banda, Pascual Gil, dono de MGV Automoción, xogou un papel igualmente importante ao proporcionar todo o material necesario para reparar pneumáticos de vehículos. Neste caso, recolleu o recoñecemento no seu nome a súa irmá, Loli Gil.
“Este tipo de actos son os que realmente definen a forza da nosa comunidade» sinalou a alcaldesa. «Rafa, Roberto e Pascual amosaron dende o primeiro momento a súa disposición a axudar e colaborar dalgún xeito con Valencia e dende o Concello só podemos estar infinitamente agradecidos. Esta placa que hoxe lle entregamos é unha pequena mostra do noso recoñecemento á súa xenerosidade”, louvou a rexedora.