A Deputación de Pontevedra e o Concello de Mondariz traballan conxuntamente nun novo proxecto para o ensanche da estrada provincial EP-4306 Ponte do Val- Barciademera. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, un tramo desta estrada provincial para coñecer as demandas e elaborar un proxecto que dea resposta ás necesidades do concello.
Neste caso, a actuación na que se prevé actuar abrangue un treito de 2,7 quilómetros e pretende continuar o ensanche acometido anteriormente na estrada provincial EP-4306. Sen embargo, tal e como recordou a deputada, as tarefas e o proxecto desenvolvido polo anterior goberno provincial para esta estrada non contemplan os anchos mínimos de seguridade que tanto a Deputación como o concello queren para a vía.
“A actuación debe ser máis ambiciosa –remarcou Isabel Couselo- que o que formulaba o anterior goberno”. Neste eido, a deputada fixo fincapé en que “estamos traballando en consenso co Concello de Mondariz, que debe poñer a disposición da Deputación os terreos para poder levar a cabo as obras, para mellorar este proxecto e dar respostas ás necesidades da vila”.
Por outro lado, a deputada provincial visitou tamén co alcalde de Mondariz outras actuacións que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo en estradas provinciais ao seu paso polo concello. En concreto, percorreron xuntos un tramo de 200 metros da estrada provincial EP-4301 Riofrío-Borbén no que se están a desenvolver obras para executar cunetas de seguridade ao abeiro do acordo marco de cunetas que ascende a 2 millóns de euros.
Segundo destacou Couselo, estas obras, que tamén se desenvolverán na estrada provincial EP-4304 Meirol- Enlace Autovía, trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas de formigón armado que van mellorar a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais e a xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns. A actuación contempla a execución de cunetas, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e recrecido de pozos.
Ademais, a deputada recordou que se están a executar traballos de mellora de firme nas estradas provinciais EP-4302 Riofrío-Vilar e na EP-4304 Meirol-Enlace Autovía ao abeiro do acordo marco de obras de conservación que ascende a 4,5 millóns de euros. Neste caso, trátanse de operacións de mantemento das características dos firmes, reparando tramos puntuais de ámbalas dúas estradas que se atopan en mal estado, mellorando a capacidade portante das estradas e repoñendo a sinalización horizontal e a drenaxe.