Desde este sábado para ir xantar ou cear a un restaurante ou para ir tomar algo a un bar despois das 21.00 horas será preciso ensinar o certificado de vacinación ou proba negativa de COVID-19. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acepta a petición da Xunta.
Como xa o era nas discotecas ou para acompañar a un paciente ingresado no hospital, o certificado COVID-19 será preciso para poder ir a un restaurante en Galicia a calquera hora ou para ir a unha cafetería ou bar despois das 21.00 horas.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou este venres a Xunta a esixir a exhibición do certificado covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder ao interior dos restaurantes, durante todo o día, e, a partir das 21 horas, para acceder a cafeterías e bares.
Os xuíces entenden que é unha medida preventiva de seguridade sanitaria e cumpre co requisito de temporalidade esixido, pois terá efecto desde as 00:00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e ata as 00:00 horas do 18 de decembro.
Os maxistrados inciden en que a medida permite «uns niveis maiores de ocupación, pero garantindo a seguridade sanitaria» e consideran que está xustificada porque a exhibición da documentación pídese para entrar en espazos pechados «en que se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión da covid-19», porque neles establécense «contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire no interior, nalgúns casos, e realización de actividades nas que é necesaria a retirada de máscara e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois».
Os xuíces indican que se trata de “lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención, ao que pode contribuír o consumo de alcol”.