Coa chegada do mes de decembro, son moitos os municipios dun lado e doutro da raia que se suman á inauguración do acendido do seu alumeado de Nadal esta fin de semana. Súmanse deste xeito á cidade de Vigo e ás vilas de O Porriño e Viana do Castelo, que xa teñen as súas rúas e prazas iluminadas.
O municipio luso de Monçao dá comezo ao Nadal este venres 29 de novembro e contará ademais con animación de grupos corais e sesión de fogos de artificio.
O evento terá lugar na Praza Deu-la-Deu ás 20:00h (hora española). Ademais, dará comezo o seu tradicional mercado de Nadal, que permanecerá aberto ata o 15 de decembro.
Valença dará a benvida ao Nadal tamén este venres 29 de novembro ás 19:00h (hora española) no Xardín Municipal. Ademais, será a inauguración da Fortaleza de Chocolate, unha das iniciativas máis agardadas nestas datas.
O sábado 30 de novembro será a quenda de Vilanova de Cerveira e Gondomar. Ambos municipios acenderán o seu alumeado na tarde deste próximo sábado para dar a benvida a esta tempada máxica para grandes e pequenos.
A inaguración do acendido en Gondomar terá lugar ás 20:00h na Praza do Concello, e nas horas previas haberá un contacontos para os cativos e cativas, photocall e un magosto de balde para todos os asistentes.
Pola súa banda, Vilanova de Cerveira tras o acendido do alumeado este sábado, contará cunha ampla programación ata o 12 de xaneiro con actividades como a chegada do ‘Pai Natal’, Mercado de Nadal ou concertos infantís.
Por último, os municipios que acenderán as luces este domingo serán Ponteareas e As Neves.
Ponteareas acenderá as súas luces este domingo na Praza Bugallal ás 18:30h, momento no que toda a vila se iluminará coa maxia do Nadal. Ademais, ás 16:00h sairá da Praza Bugallal o ‘Tren de Nadal’ e ás 18:00h haberá animación infantil no mesmo lugar.
Pola súa banda, o Concello das Neves dará comezo ao Nadal este domingo ás 18:30h na Praza Maior e repartirá con chocolate quente para todos aqueles que se acheguen ao acendido.