lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaMos traballa para iniciar o vindeiro curso un FP Básico de comercio...

Mos traballa para iniciar o vindeiro curso un FP Básico de comercio e loxística

O proxecto, desenvolvido pola dirección do IES de Mos, adáptase ao estudo das principais demandas de perfís laborais das empresas do municipio elaborado por AEMOS

O Secretario Xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira Lema, acompañado do Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; da inspectora de Educación da zona, Teresa Fournol e o inspector xefe, Manuel Torres veñen de visitar o Instituto de Educación Secundaria de Mos. Mira Lema reuniuse coa alcaldesa, Nidia Arévalo; coa concelleira de Educación, Julia Loureiro; o xerente de AEMOS, Francisco Domínguez; o director do IES, Xurxo Collazo; a vice directora do IES de Mos, Azucena Matilde González e membros da directiva da ANPA do IES: a presidenta Sonia Vázquez e o vice presidente Óscar Mariño

O motivo da xuntanza é a posta en marcha en Mos dun FP Básico, vista a crecente demanda e necesidade por parte dunha importante porcentaxe do alumnado do Instituto que se adapta ao perfil de Formación Profesional. A previsión é de que esta formación poida iniciarse de cara ao vindeiro curso 2022-2023, para o que desde a Secretaría Xeral da Consellería de Educación da Xunta de Galicia manifestaron a súa vontade de colaboración co Concello, IES e AEMOS; xa que se trataría dunha educación teórico práctica na que intervirían activamente a tres entidades, incluíndo unha parte importante de formación e prácticas en empresas.

O proxecto de FP Básico presentado por parte do IES a Educación adáptase ao estudo das principais demandas de perfís laborais das empresas do municipio elaborado por AEMOS, chegando á conclusión de que a Formación Profesional con maior saída en Mos sería a de Profesional Básico en Servizos Comerciais, centrada en Xestión Comercial, incluíndo operacións de almacenaxe e comercialización de mercadorías e que engloba desde auxiliar de dependente/a de comercio, auxiliar de animación do punto de venda, auxiliar de venda, auxiliar de promoción de vendas, empregado/a de reposición, operador/ora de cobramento ou caixeiro/a, operario/a de pedidos, operador/ora de carreta de recepción e expedición, contador/ora de recepción e expedición e operario/a de loxística e auxiliar de información.

O IES de Mos

O IES de Mos é o único centro do concello de Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato. No presente curso están matriculados 655 alumnos e alumnas. A perspectiva, calculada sobre datos contrastados, é que no vindeiro curso a matrícula suba ata os 690 alumnos e alumnas. De aí a importancia dos estudos de Formación Profesional. Para poder adecuar a futura oferta de Ciclos, contouse coa Asociación de Empresarios de Mos para solicitar o ciclo que a industria demanda e facilitar así a empregabilidade dos futuros alumnos e alumnas, non só do IES de Mos.

A Formación Profesional Básica

A Formación Profesional Básica (FPB) forma parte das ensinanzas de formación profesional (FP) do sistema educativo. A FPB está dirixida aos alumnos que presentan algún tipo de dificultade na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e/ou queren encamiñarse á formación profesional. Os requisitos de acceso á mesma son os seguintes: ser proposto/a polo equipo docente e contar coa autorización do pai, nai ou titor legal, cumprir 15, 16 ou 17 anos no ano de inicio da FPB, ter cursado 3º da ESO ou excepcionalmente 2º da ESO. De quedaren prazas vacantes, completaranse os grupos con alumnos/as que fagan 18, 19 ou 20 anos e non teñan a ESO finalizada.

FPB de Servizos Comerciais

A Formación Profesional Básica que se pretende impartir en Mos é de Servizos Comerciais, cunha duración de 2.000 horas repartidas en dous cursos académicos, e nas que se inclúen 320 horas de formación en empresas (prácticas laborais). Superada a FPB obtense o título «Profesional básico en servizos comerciais» que ten validez tanto académica como profesional. O alumnado de Formación Profesional Básica pode ademais acceder ao título de graduado en Educación Secundaria (ESO) mediante a superación da proba de avaliación final desta etapa.

Este título de Formación Profesional Básica: ten os mesmos efectos laborais có da ESO. Capacita para desempeñar funcións de «Nivel Básico de prevención de riscos laborais». Permite o acceso directo a Ciclos Formativos de Grao Medio (con preferencia de acceso aos de perfil comercial).

O perfil laboral do alumnado oriéntase a empresas de distribución comercial, departamentos comerciais e almacéns de empresas, retallistas (tendas, supermercados, hipermercados e grandes superficies comerciais).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS