O Concello presenta a súa campaña e programación con motivo do 25 de novembro
Hoxe venres 19 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Muller Emprendedora, o Concello de Mos presentou no Multiusos das Pozas o programa de a actos conmemorativos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se conmemora o vindeiro 25N da campaña municipal de concienciación contra a violencia machista titulada ‘Hai amores que atrapan’ simbolizada coa imaxe dunha tea de araña cun corazón valeiro no medio.
A presentación realizouse ante o alumnado do grupo de Igualdade do IES de Mos integrado por 120 estudantes e 6 docentes. O acto tivo como eixo central a charla impartida pola mosense banda de música feminina Girl´s Gang.
As Girl´s Gang son un grupo feminino e feminista que se fan oír con forza da mellor forma que saben, cantando. Estas mozas, que se moven no mundo da música e das influencers, contaron ao alumnado a súa experiencia neste mundo, no que os estereotipos de xénero ocultan un machismo que supón un grave problema entre as novas xeracións; derivando en ocasións nunha mensaxe que incita a comportamentos violentos e de cousificación da muller.
Acompañando ás Girl’s Gang estiveron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade mosense, Sara Cebreiro, e traballadoras do departamento de Benestar Social e o Centro de Información á Muller, CIM, de Mos.
Máis actividades da programación
Ademais da presentación realizada esta mañá no Multiusos o día 23 de novembro ás 18:00h no Pazo de Mos presentarase o resultado da avaliación do III Plan de Igualdade municipal, no que participaron o persoal técnico dos diferentes departamentos municipais e representantes de asociacións/centros e outras entidades; e recopilación de información para completar a elaboración do IV Plan de Igualdade municipal.
Os días 23 e 24 de novembro farase a presentación e entrega do libro “Galegas na ciencia” de Isabel Blanco para o alumnado de 6º de primaria en dous CEIPs de Mos.
O 26 de novembro impartiranse charlas sobre violencia de xénero a cargo das profesionais do CIM, para o alumnado de 5º e 6º de dous CEIPs públicos de Mos.
25 N
O propio día 25 de novembro celebrarase o acto institucional ás 12:00h na Praza do Concello con lectura de manifesto e un minuto de silencio. Participarán representantes do movemento asociativo cultural e social de Mos.
Ademais promóvese entre os diferentes centros educativos do Concello de Mos a actividade “O tendal dos soños rotos”, consistente na creación dun tendal con diferentes prendas de roupa que representan cada unha das mulleres asasinadas neste ano.
Tamén na praza do Concello realizarase a instalación dun tendal, no que distintas persoas, homes e mulleres pertencentes aos colectivos sociais, deportivos e culturais, irán colgando prendas de roupa morada, por cada unha das mulleres asasinadas en España en 2021.
O motivo de escoller o tendal de roupa é polo seu simbolismo. As cordas e as pinzas simbolizan a opresión, a servidume da muller ante o seu maltratador. E o acto de colgar a roupa é a metáfora que expresa que estamos sacando á luz os traumas escondidos, a violencia agochada no interior dos fogares. O tendal como arma de denuncia das inxustizas, desoutra violencia oculta.
No tendal ao aire normalmente móstrase a roupa máis íntima e máis persoal das súas donas, mulleres. Co “Tendal dos soños rotos” simbolízanse os soños daquelas mulleres que un día tenderon a súa roupa e non puideron recollela. Soños que quedaron colgados, aireando ao vento, soñando coa liberdade, lonxe dun maltratador que non a deixa desenvolverse como persoa, como Muller, que a oprime e que a anula.
Por un lado o tendal de roupa ao sol simboliza a liberdade, os soños, as ganas de vivir, de seguir coa súa vida …. E por outro lado, eses soños que quedaron colgados, que xa non se van a poder levar a cabo, tanto das vítimas como das súas familias que a pesar de todo teñen que seguir coas rutinas da vida.
E por último xa pola tarde ofrecerase “SOA” mónologo a cargo de Rogelia dos Outerios ás 19:00h no Auditorio do Centro Dotacional en Torroso. Entrada libre ata completar aforo.
Neste espectáculo atopámonos cunha muller que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre lle acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando á audiencia. Un marido tolo, un cuñado enfermo, os fillos ausentes, a soidade, o machismo, pero tamén a complicidade, a liberación sexual, a autoestima, o cine, a música e, sobre todo, a esperanza son as pezas que emprega Rogelia dos Outeiros para construír un espectáculo que conduce ao público entre o drama e a comedia.