Con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Salvaterra convoca un ano máis un concurso de slogans para alumnos do IES de Salvaterra. A iniciativa desenvólvese a través do seu Programa de Educación e Intervención Familiar. O seu fin é mellorar a convivencia en sociedade transmitindo valores como a igualdade, a tolerancia, a non violencia e desmitificando estereotipos. Aspectos todos eles que adoitan atoparse na base da violencia machista.
A XIV edición do Concurso de Slogans contra a violencia de xénero busca frases que traten de transmitir unha mensaxe e un posicionamento claro de non aos malos tratos. Isto por medio da subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. Dentro das iniciativas desta campaña de sensibilización social, preténdese reunir material para facer posteriormente unha campaña de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este problema.
O proxecto consistirá en confeccionar uns marcadores de páxinas e outros soportes onde vaia o lema ou slogan gañador do concurso. Ademais, incluirá algúns números de teléfono e enderezos a onde se dirixir en caso de coñecer ou ser víctima dunha situación de violencia. Esta iniciativa constitúe un reforzo a esta campaña de sensibilización. Ademais de ser un soporte atractivo, informativo e moi útil ten unha utilidade porque fai perdurar no tempo a mensaxe, a través a difusión entre os máis novos.
Con esta actividade de carácter educativo e preventivo búscase erradicar a violencia machista promovendo un cambio de mentalidade que contribúa a desmitificar estereotipos sexistas e transmitindo outros valores. Ademais, o Concello de Salvaterra de Miño organiza o vindeiro luns 25 de novembro ás 12.00 horas un minuto de silencio polas vítimas que terá lugar diante da entrada do Concello.