jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasMos busca acometer a humanización da Estrada Pereiras-Tameiga a través do Plan...

Mos busca acometer a humanización da Estrada Pereiras-Tameiga a través do Plan Extra

O Concello de Mos presentará esta mesma semana na Deputación de Pontevedra o proxecto de humanización da Estrada Pereiras-Tameiga dende San Eleuterio ata a Candosa. O obxectivo é optar a unha axuda provincial do Plan Extra (Plan Provincia Extraordinaria) de cara á súa execución. A subvención ascende a 900.000 euros e o orzamento total da obra é de 1,5 millóns de euros. Precisamente a semana pasada realizouse, no Multiusos das Pozas, a presentación do devandito proxecto de humanización.

Para a xuntanza convocouse aos veciños propietarios de terreos aos que lles influirá a obra, e se lles indicou en detalle o trazado exacto da nova senda e o seu deseño definitivo. Esta nova senda peonil dará continuidade ao Plan Mos Humanizado. Tamén dá continuidade á remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

As obras realizaranse no ámbito que abarca desde Camiño da Laxiña (PK 0+000, na contorna da Ermida de San Eleuterio) ata o núcleo de Candosa (PK 1+414). Coa realización deste proxecto, perséguese o aumento da seguridade das persoas e os vehículos. Isto mediante a construción dun itinerario peonil nunha marxe e a ampliación da sección viaria de acordó ás aliñacións do PXOM. Ademais, favorécese unha mobilidade alternativa e créanse espazos seguros (sendas peonís e redución de velocidade). Ademais, foméntase a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles). En definitiva, recupérase o concepto de viario como espazo amable, de calidade e para as persoas, con solucións ambientais sostibles.

Proposta de deseño viario

A Estrada Pereiras-Tameiga é un dos principais eixos norte-sur do municipio de Mos. Trátase dun vial estreito, sen beirarrúas e cun tráfico mixto importante, onde conviven vehículos lixeiros e pesados. Ademais, o vial dá servizo a vivendas unifamiliares. O Concello de Mos propón realizar un deseño viario que teña en conta criterios de humanización e seguridade viaria, así como a mellora da mobilidade e accesibilidade. Para a ampliación da sección viaria, nesta fase, óptase por aproveitar ao máximo una das marxes da aliñación do PXOM e tentar ocupar o mínimo posible a marxe contraria. Isto mantendo sempre unha calzada de ancho adecuado (>6,50 metros) e unha senda accesible de 2.00 m (mínimo: 1,80 metros).

No proxecto exponse unha marxe con senda peonil accesible e segura que comunique os diferentes núcleos. Rehabilitarase o pavimento de aglomerado asfáltico, o cal se atopa en mal estado. Incorpóranse redutores de velocidade e un paso de peóns elevados para aumentar a seguridade viaria. Prevese o deseño dunha nova rede de drenaxe, conectada á rede existente. Inclúese a renovación da rede de iluminación, optando por modelos máis eficientes e soterrando a rede, mellorando a calidade visual do conxunto. Incluíuse o soterramento das redes de telecomunicacións e electricidade, tanto a obra civil como eléctrica.

Esta actuación busca fomentar a mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé) e crear espazos máis seguros e de calidade (beirarrúas máis amplas, redución de velocidade…). Ademais, ten por finalidade fomentar a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e mellorar as redes de servizo existentes. Así mesmo, consiste principalmente en reordenar a infraestrutura viaria nunha lonxitude de 1.414 metros e nunha superficie total do ámbito de actuación de 14.420 metros cadrados.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS