O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia se converterá o vindeiro ano na primeira comunidade española en contar cunha lei dedicada exclusivamente a loitar contra a violencia dixital. Foi no Parlamento e salientou que este tipo de delitos “ten moito que ver coa violencia machista”.
Rueda explicou que o novo texto incluirá medidas de sensibilización, prevención e detección do acoso en internet. Así mesmo, enmárcase no compromiso da Administración autonómica para “acabar coa lacra” da violencia contra as mulleres. O obxectivo é de avanzar cara unha sociedade con “cero vítimas”.
Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego resaltou que a Xunta leva anos traballando para previr e loitar contra a violencia de xénero. Ademais, a Comunidade leva “sendo pioneira” en moitas das medidas postas en marcha neste eido.
Entre elas, Rueda lembrou que en 2013 se acordou a personación da Xunta en todos os procedementos penais en casos de morte por violencia de xénero. Un ano despois constituíuse o Observatorio galego de violencia de xénero e púxose en marcha o Centro de recuperación integral para as vítimas. Ademais, no 2016 lanzouse un programa pioneiro para mellorar a inserción laboral das vítimas de violencia de xénero.
Galicia tamén converteuse no 2017 na primeira comunidade en formar ao persoal da administración autonómica en igualdade e prevención contra a violencia. Ademais, conta cun bono alugueiro e axudas directas para as vítimas. Tamén avanzou en materia lexislativa coa nova Lei de igualdade ou protocolos para evitar a violencia contra a muller ou o colectivo LGTBI no lecer nocturno e nos espazos festivos.