martes, noviembre 19, 2024
InicioConcellos +A CañizaRenóvase un dos programas máis prioritarios dos servizos sociais coordinado pola Cañiza

Renóvase un dos programas máis prioritarios dos servizos sociais coordinado pola Cañiza

O Servizo de Atención Temperá para nenas e nenos de 0 a 6 anos e as súas familias foi posto en marcha en agosto de 2022. Foi a través dun convenio de colaboración entre A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón subvencionado con 253.794,60 euros pola Consellería de Política Social da Xunta. A iniciativa permitiu de forma agrupada e baixo a coordinación do Concello da Cañiza compartir o Servizo. Desta forma desenvolveuse un dos programas máis importantes e prioritarios dos servizos sociais: a atención psicosocial e familiar vinculado á atención temperá. Esta axuda financiou o 100% das horas solicitadas.

Esta mañá os cinco alcaldes volveron a reunirse para valorar a Memoria final do Programa dende 2022 a 2024 e para anunciar a renovación do servizo. Isto tras a notificación por parte da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia da concesión dunha subvención. Será de 281.466,90 euros para o período 2024-2026. Corresponde a 27.672,30 euros máis que no programa anterior e permitirán garantir a mellora económica do servizo. Ademais, estabilizar o equipo de profesionais e sufragar os gastos derivados do funcionamento das 3 sedes nas que se traballa actualmente.

Unha gran noticia, como así sinalaron os cinco alcaldes, que permitirá continuar con este programa fundamental e clave. Así mesmo, basado nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias. O obxectivo é dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Servizo de Atención Temperá para nenas e nenos de 0 a 6 anos e as súas familias

Segundo recóllese na Memoria presentada pola empresa ACEESCA realizáronse un total de 69 intervencións nas tres sedes que conforman o Servizo. A sede de Mondariz, dispoñible para Mondariz e Mondariz Balneario, estaba os luns e martes en xornada completa de mañá e tarde. A sede de Covelo, no Centro de Saúde de Maceira, daba cobertura o mércores en xornada de mañá e tarde. Por último, a sede da Cañiza, que atende á Cañiza e Melón, estaba os xoves e venres tamén en xornada completa de mañá e tarde.

Actualmente o número de beneficiarios é de 47 entre os cinco Concellos. Os profesionais que formaron parte deste equipo desenvolveron o programa con valoracións e atención de situacións de risco para o desenvolvemento do neno. Valoracións para intervir nas dificultades de desenvolvemento: psicomotriz, cognitivo, comunicativo e adaptativo social. Tratamento individual e específico para cada neno e familia. Colaboración e asesoramento técnico coas entidades sanitarias, sociais e educativas para a integración dos nenos.

Outro aspecto importante do programa foi a divulgación e información facilitada nos ámbitos sanitarios, educativos e sociais, sobre a importancia da detección, prevención e intervención precoz nos trastornos de desenvolvemento.

A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude. Para acceder ao servizo os nenos e nenas deben ser derivados polos pediatras de referencia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS