A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presidiu hoxe a Mesa local contra a violencia de xénero. Desta mesa, primeira iniciativa da programación municipal con motivo do 25N, extraeuse un importante acordo. A creación dunha mesa de traballo coordinado entre os recursos municipais para a detección, seguimento e intervención de casos de violencia de xénero. A iniciativa surxe da consciencia da importancia e da detección da necesidade de coordinación interna nos departamentos do Concello. Tamén de ofrecer formación en igualdade nas distintas áreas da administración local e de traballar en casos prácticos para mellorar a coordinación técnica. Ademais, identificar procesos onde mellorar e estar máis preparados ante unha situación.
Nesta mesa participaron outros membros do equipo de goberno como Leo Costas, concelleiro de Igualdade, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, e Julia Loureiro, concelleira de Educación. Tamén estiveron presentes o Director Xeral de Prevención da Violencia de Xénero, Roberto Barba e o Fiscal Xefe da Área de Vigo, Óscar Vladimir Vallejo. Participaron María José Rodríguez, a Xefa da Unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, e do CIM de Mos a súa directora, a psicóloga e a asesora xurídica. Ademais, da concellería de Política Social a traballadora social e a psicóloga e unha traballadora da concellería de Educación.
A Mesa Local seguiu a seguinte orde do día. Primeiro, a lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (16/11/2023). Despois, dar conta das mulleres atendidas e das actividades realizadas no CIM dende a celebración da última mesa, e as pendentes de realizar. A continuación, dar conta da inclusión do Concello de Mos no sistema VIOGEN. Tamén tratouse a creación da mesa de traballo coordinado entre os recursos municipais para a detección, seguimento e intervención de casos de violencia de xénero. Por último, preguntas e suxestións.
Mesa de traballo coordinado
Esta mesa de traballo coordinado pretende ser tamén un espazo no que convidar a persoas externas a dar formación a nivel técnico. Tamén onde planificar formacións externas a nivel socio comunitario para chegar máis frecuente e intensamente a colectivos como a mocidade, entre outros.
Así, os obxectivos que persegue esta mesa son o traballo conxunto de tódolos axentes, dotar de formación e recursos, e traballar no plan de igualdade 2026-2030. Para chegar a eles establécese un plan de acción de 5 pasos. O primeiro paso, de traballo previo, consiste en que cada área analiza o que lle preocupa, en que pode ser útil ou que temática lle gustaría abordar na mesa de traballo. O segundo será de posta en común de todos os puntos de traballo propostos polas diferentes áreas e de búsqueda de actividades conxuntas para o 8M de 2025. Tras este paso, o terceiro consistirá no intercambio de protocolos e posta en marcha da elaboración dun plan local de actuación e análise de casos prácticos.
O seguinte paso será de abordar casos prácticos no eido educativo cun mapa de recursos e actividades, e formacións de cara ao 25N do ano que vén. O último abordarase na vindeira Mesa Local contra a Violencia de Xénero, a celebrar en novembro de 2025. Nesta realizarase a avaliación das mesas de traballo coordinadas celebradas ao longo do ano, e se aportarán técnicas para a mellora e continuación do traballo realizado nelas.