domingo, noviembre 17, 2024
InicioNewsComarcasO Condado Paradanta podería acoller o seu primeiro Espazo Natural de Interese...

O Condado Paradanta podería acoller o seu primeiro Espazo Natural de Interese Local

O Concello de Covelo e a Comunidade de Montes en Man Común de Barcia de Mera unen forzas para protexer unha zona de especial interese medio ambiental. Na súa estratexia de apostar por un crecemento sostible e en harmonía co patrimonio natural o Concello de Covelo solicitará a declaración do Espazo Natural de Interese Local denominado Rio Alén Barcia de Mera cunha superficie total de 265.797 metros cadrados grazas á colaboración da CMVMC de Barcia de Mera. Este sería o primeiro ENIL do Condado Paradanta. Actualmente só existe un espazo natural de interese local en Galicia, a Boutureira (San Cibrao das Viñas, Ourense).

Comunidade de Montes e Concello concordan no recoñecemento dos valores medio ambientais, naturais, culturais e etnográficos presentes nestas catro parcelas. Neste entorno están presentes numerosas especies de flora e fauna. Estas conforman hábitats declarados de Interese Comunitario e de Conservación Prioritaria pola Directiva Hábitats 92/43/CEE e Directiva Aves 79/409/CEE.

O Concello adquire o compromiso de programar accións de divulgación sobre a riqueza desta zona. Así como actuacións de mellora e conservación e a aprobación dun plan de conservación e uso público sen ánimo de lucro. Este plan estaría vinculado a actividades científicas, didácticas, turísticas, deportivas, de lecer e lúdico recreativas.

Rio Alén Barcia de Mera

En canto á fauna presente salientan entre os anfibios a saramaganta rabilonga, pintafontes verde, sapo parteiro, sapo corredos. Entre os peixes o salmón atlántico e a troita, a anguía e a lamprea e entre os réptiles o lagarto das silveiras ou o aliscrán e a víbora de seoane. Nos mamíferos destacan a londra, o gato bravo o morcego de ferraduras e o lobo e en canto ás aves as águias abelladas e calzada, picapeixe, picanzo vermello e bufo real.

Este espazo alberga múltiples mostras do patrimonio cultural e etnográfico como o cruceiro e capela de San Xoán Mosteiro e a cruz e Fonte Santa. Tamén alberga a ponte do río Alén e os camiños corredoiras de acceso a Seixedos, Oleiros, Piñeiros e Fornelos. Ademais, hai numerosos muíños, levadas e unha ruta de sendeirismo practicable denominada San Xoán Mosteiro que recorre de xeito circular as marxes do río.

Por outra banda, ten unha plantación de rexenerado de pinaster de vinte anos de antiguidade, pinastre xoven, pseudosugas e frondosas. Isto configura a ladeira da bagoada do río Alén na zona máis alta e próxima á Serra do Suído completa a riqueza desta área de protección.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS