viernes, noviembre 15, 2024
InicioNewsComarcasO Porriño e Benetússer unidos para sempre pola forza da solidariedade

O Porriño e Benetússer unidos para sempre pola forza da solidariedade

O pasado 2 de novembro, o Concello do Porriño desprazou a Valencia un operativo municipal de emerxencia. O obxectivo era apoiar aos afectados polos devastadores efectos da DANA que azoutou a Horta Sud. Tras dez días de traballo, o equipo regresou a casa e foi recibido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, que en representación de todo o pobo do Porriño quixo trasladar o seu agradecemento.

En resposta á solicitude de axuda do Adjuntament de Benetússer, un dos municipios máis afectados polas fortes choivas e as inundacións, o Concello de Porriño non dubidou en mobilizarse. Formouse un equipo composto por seis axentes da Policía Local xunto a dous operarios do departamento de obras e servizos. Así mesmo, foron cun equipamento especializado, entre eles vehículos, bombas de achique e unha unidade de dron. Partiron co compromiso de colaborar na emerxencia, poñer a súa experiencia e capacidade ao servizo dos afectados e apoiar ás autoridades locais nas súas tarefas de rescate e asistencia.

O operativo chegou a Benetússer de madrugada, e desde o primeiro momento comezou a traballar en xornadas maratonianas de ata 17 horas diarias. Levaron a cabo tarefas de patrullaxe, atención a vítimas, evacuación de persoas, traslado de persoal médico ou revisión de edificios. Con todo, un dos labores máis cruciais foi a evacuación de máis dunha ducia de garaxes asolagados, tarefa que se realizou coas bombas de achique traídas desde o Porriño para buscar posibles vítimas atrapadas na auga. O seu esforzo desinteresado non pasou desapercibido xa que foron recibidos entre aplausos e abrazos polos veciños de Benetússer.

Foron concretamente seis axentes da Policía Local, Daniel Rodríguez, Antonio Pereira Nandín, Brais Roca, Javier Sánchez, Fernando Cruces e Marta Robles. Tamén dous operarios do departamento de obras e servizos Javier Lorenzo e Esteban Lago.

Recibimento no Porriño

O alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo, emocionado pola resposta dos seus veciños e polo labor do operativo, quixo trasladar o seu agradecemento «pola dedicación, solidariedade, empatía e profesionalidade que demostrastes. A vosa entrega foi exemplar, e é un orgullo para todo Porriño saber que contamos cun equipo tan comprometido coas persoas e capaz».

«Este agradecemento tamén vai para todos os vosos compañeiros da Policía Local do Porriño. Aínda que non estiveron fisicamente no terreo, fixeron posible que este operativo puidese levar a cabo, dobrando quendas e garantindo a seguridade do noso municipio. Foi un esforzo conxunto, tamén co apoio de Protección Civil, que estivo preparada para achegar máis recursos, se fose necesario», engadiu o alcalde, “Moitísimas grazas a todas e todos”.

A misión de colaboración do Porriño destácase non só polo seu apoio material e humano, senón polo profundo impacto emocional que deixou nos axentes. O grupo regresou coa satisfacción de axudar a moitas persoas nunha das peores crises do noso país. Tamén volveron cunha profunda reflexión sobre a solidariedade entre veciños, pobos e comunidades, valores que quedaron reflectidos.

Este xesto de apoio demostra unha vez máis que, cando a adversidade chega, o pobo do Porriño, sabe estar á altura. Pon a empatía e o traballo en equipo por encima de todo”, concluíu o alcalde, “O Porriño e Benetússer están xa unidos para sempre polo forte lazo da solidariedade e é grazas a vós”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS