martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaMos traballa na mellora do tráfico rodado e da mobilidade peonil

Mos traballa na mellora do tráfico rodado e da mobilidade peonil

Os barrios de A Laxe, Gándara e San Cosme serán os beneficiarios de tres proxectos que implicarán a ampliación da calzada, entre outras optimizacións

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que o Concello atópase traballando en tres importantes proxectos de ampliación de calzada para resolver problemáticas de tráfico e mellorar a mobilidade peonil en viarios das parroquias de Petelos, Mos e Cela.

Os representantes municipais, Arévalo e Augusto, explicaron a este respecto que “os técnicos atópanse traballando na elaboración dos proxectos que mellorarán a seguridade viaria e a mobilidade, tanto rodada como a pé, en A Laxe, parroquia de Petelos; a zona dos Penedos ou da Gándara na parroquia de Mos e San Cosme en Cela. Proxectos que se atopan practicamente finalizados e que serán acometidos de cara ao vindeiro ano 2022”.

A mellora da seguridade viaria no Camiño da Laxe, parroquia de Petelos, abarcará un tramo de 38 metros de lonxitude, incluíndo actuacións previas como limpeza e desbroce dos bordes do vial entre outras, execución de firmes e pavimentos, execución dun muro de contención de terras (muro de gravidade de pedra); e instalación de sinalización, balizamento e defensas.

O muro de contención terá unha altura de 6 metros de media e unha lonxitude de 31’55 metros.

Proxéctase a ampliación da sección do vial (4,00 metros dende o eixo do vial). Polo tanto levarase a cabo un sobreancho da calzada. Debido á perigosidade do tramo, con un ancho menor de 4 metros para o cruce de vehículos e a existencia dunha curva pechada, con moi pouca visibilidade, proponse a ampliación da plataforma para mellora o trazado e posibilitar o cruce de grandes vehículos con maior seguridade.

Ademais deséñase unha pequena zona de esparcemento no espazo que queda libre entre o sobreancho do vial e a coroación do muro.

Coa ampliación do ancho do vial e cos novos condicionantes de mellora da seguridade vial, cómpre rediseñar a sinalización horizontal e vertical. Algunhas destas sinais adaptaranse ás novas condicións de circulación (como a redución da velocidade). Proxéctanse así mesmo elementos como unha varanda de aceiro galvanizado, e redutores de velocidade tipo “lomo de asno”, para aumentar a seguridade, no sentido descendente do vial. Colocaranse sinais verticais (velocidade máxima de 30 km/h, sinalización de resaltos, etc).

Estímase un prazo aproximado para execución das obras de tres meses desde o seu inicio.

O proxecto de mellora da seguridade viaria do Camiño da Cachada entre o Camiño das Minadas e o Camiño de Gándara trátase dunha actuación de ampliación de sección viaria cunha lonxitude de 489 m, axustándose ás aliñacións que define o PXOM, cun ancho de 8 m. Isto permitirá mellorar a seguridade de circulación de persoas e vehículos, para o que será necesario executar: escavacións e novos noiros ou muros de contención, repoñer a rede de drenaxe, deseñar os firmes e pavimentos e mellorar a iluminación. Doutra banda, será necesario dispoñer dos terreos polos que se proxecta a actuación.

E por último, o terceiro proxecto que inclúe as obras de mobilidade peonil e de seguridade viaria no Camiño de San Cosme e Camiño da Quinta, Cela trátase dunha actuación duns 860 m de lonxitude que mellorará o funcionamento dun vial cunha intensidade importante en horas puntuais (acceso a colexio). Para iso, prevese unha reordenación do tráfico, que será de único sentido. Ademais, ampliarase a sección viaria ata as aliñacións que marca o PXOM, deixando un ancho libre de 8 m. Isto permitirá xerar novas sendas peonís, de polo menos 2.50 m de ancho, e a previsión de aparcamentos, onde se dispoña de espazo dispoñible. Entre outras actuacións será necesario executar: escavacións e novos noiros ou muros de contención, repoñer a rede de drenaxe, deseñar os firmes e pavimentos e mellorar a iluminación. Será necesario dispoñer dos terreos polos que se proxecta a actuación.

Os tres proxectos atópanse incluídos no capítulo de inversións do orzamento municipal para 2022 no que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o seu equipo de goberno se atopan traballando e que está xa en proceso de ser ultimado para aprobación en Pleno no presente mes de novembro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS