jueves, diciembre 26, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoPiden a retirada "inmediata" das luces de Nadal que se instalaron nunha...

Piden a retirada «inmediata» das luces de Nadal que se instalaron nunha das árbores senlleiras de Vigo

As luces do Nadal en Vigo convertéronse, desde hai un tempo, nunha cuestión polémica na cidade de Vigo. Mentres as cifras do turismo se disparan durante esta época do ano, algúns dos veciños e das veciñas se posicionan en contra por mor das restriccións no tráfico que se producen, entre outras cuestións, como, por exemplo, a contaminación lumínica.

Neste caso, a polémica xorde a partir dun comunicado do Bloque Nacionalista Galego no que exixen ao goberno liderado polo socialista Abel Caballero «a retira das luces de Nadal penduradas na Oliveira do Paseo de Afonso de Vigo». Denuncian que o rexedor «continúa a incumprir deliberadamente un ano máis a ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes tratando as árbores como postes para instalar alumeado».

O voceiro nacionalista na cidade de Vigo, Xabier Igrexas, indica que se trata dunha situación que «este ano vai atentar contra un exemplar tan singular e valioso da nosa cidade como a Oliveira, con preto de 200 anos, e que vén de ser vandalizada para cubrila con luces led”, lamentou sobre esta actuación o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Dende o Bloque reclamaron así a retirada inmediata do alumeado instalado nos pasados días nesta árbore emblemática de Vigo, así como que o Goberno municipal garanta o cumprimento da normativa para protexer o arboredo da cidade. “Non pode volver ser convertido en atrezo do seu particular parque temático”, defendeu Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista asegurou que o alcalde “non pode alegar descoñecemento deste incumprimento, pois o propio BNG ten insistido nas últimas Comisións Informativas de Medio Ambiente, así como en anos anteriores, desta obriga legal do Concello». Así, os nacionalistas indican que «a ordenanza estabelece no seu artigo 16.6 de forma clara a prohibición de arrincar ou partir árbores, pelar ou arrincar as súas ‘cortizas’, cravar puntas, atar ás mesmas randeiras, escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento, gabear ou subir ás mesmas”.

Igrexas afeou que o Goberno local non teña aprendido nin tan sequera das súas propias rectificacións, en referencia á decisión da pasada edición na que, tras protestas veciñais e denuncias do Bloque, se retirou o alumeado que viña instalándose noutro exemplar singular da cidade como a araucaria excelsa da Alameda.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS