O ‘Circo de Pinocho’ chegará a Salceda de Caselas os días 15, 16 e 17 de novembro tras percorrer os concellos de Ponteareas, Gondomar, Mos e Redondela. O show está representado pola compañía Educateatro Producións e ofrecerán catro funcións: o venres ás 18:30h, o sábado ás 18:00h e o domingo, ás 12:00h e ás 17:00h.
O espectáculo realízase nunha carpa de circo, que estará instalada fronte á Igrexa de Santa María con aforo para 450 persoas sentadas en butacas e conta con calefacción. Do mesmo xeito, o espazo ten servizo de cafetería, photocall e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, móstrase emocionada e afirma que «tratándose dun espectáculo para público familiar tíñamos que recoller esta xira que deste xeito recae nun pobo que participa moi activamente nos eventos».
Por outra banda, Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística destacou que «se trata dunha proposta que realiza un esforzo por realizarse integramente en galego e cun elenco exclusivamente galego, polo que é un valor importante na promoción deste espectáculo».
A duración total do espectáculo é de 2 horas, incluídos os 15 minutos de descanso. O prezo das entradas oscilan entre os 15€ na grada e palcos laterais e os 20€ no palco central. O venres, día da persoa espectadora, as localidades terán un prezo único de 10€, e os domingos ás 12:00h, un desconto xeral de 3€ en cada boleto.
As entradas xa se poden adquirir na web www.circodepinocho.gal e tamén na billeteira física circo, unha hora antes de cada función.