Finalizada a vía xudicial co fallo de todos os recursos contra a expropiación favorables ao Concello, chega por fin o momento de contratar a obra
A alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, informou de que por fin queda desbloqueada a ampliación do paseo do Louro ata Queirón, parroquia de Louredo, ao concluír a vía xudicial dos recursos presentados contra o proxecto de expropiación en favor da administración local. Deste xeito chega xa o momento de iniciar o procedemento de contratación da obra polo que Arévalo, rexedora municipal, anunciou que solicitará neste senso unha vindeira xuntanza con José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, para retomar o proxecto, pois será financiado ao 50% por Confederación Hidrográfica e a administración local e licitado directamente pola Confederación, en base a un convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2018.
Desde entón o Concello foi solicitando a correspondente prórroga da adenda do convenio e leva os tres últimos anos reservando a partida correspondente para esta obra no orzamento municipal.
Nidia Arévalo avanzou tamén esta mañá que, ademais de reunirse co presidente da Confederación, ten programada unha reunión cos propietarios dos terreos.
A denominación exacta do proxecto que por fin ten luz verde é “Nova senda fluvial do río Louro, ata o Camiño de Lagoal na parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos”.
Os terreos expropiados pasan a ser titularidade do Concello para poder acometer as obras de ampliación do Paseo do Louro. Obras cuxo procedemento de licitación xa se pode iniciar por fin. O procedemento de licitación da obra realizarao directamente a Confederación Hidrográfica.
O 15 de xaneiro de 2018 asinábase un convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Mos para o financiamento e execución do devandito proxecto de nova senda fluvial no río Louro, entre o Camiño de Noveleda e o Camiño de Lagoal, parroquia de Louredo.
Dous novos tramos de senda
O obxectivo do proxecto é definir as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.
En concreto, e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre. Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda. O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribeira e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados.
No deseño das actuacións tivéronse en conta as directrices do PXOM mosense
Inversión de 210.000 euros
O investimento previsto é de 210.000 euros, que será sufragado ao 50% entre ambas Administracións, e o prazo de execución estímase en 4 meses.
As obras levan un procedemento de licitación do que se encarga directamente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Organismo que, en base aos seus propios criterios técnicos, ambientais e xurídicos, aprobou o proxecto de ampliación do sendeiro presentado polo Concello e redactado en base aos devanditos criterios.
Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km.
As condicións da actuación marcadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil esixiron deseñar unha senda fluvial fóra do Dominio Público Hidráulico.