domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaSusana Alonso gaña por terceira vez o Nacional de Ultramaratón

Susana Alonso gaña por terceira vez o Nacional de Ultramaratón

A mosense logrou facerse cos tres últimos títulos de Campioa de España de xeito consecutivo

Esta tarde ás 18.00 horas celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción a Susana Alonso Carballo que o pasado sábado 23 de outubro revalidou o título de Campioa de España de BTT – Ultramaratón. Susana Alonso foi recibida e felicitada na Casa Consistorial mosense por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde, José Areal, concelleiro de Deportes, e demais membros da Corporación Municipal; aproveitando tamén para asinar o convenio de colaboración polo que a administración local mosense lle outorga unha subvención anual nominativa.

León acolleu o sábado pasado o Campionato de España de Ultramaratón. Unha nova Power Race de nivel nacional cun percorrido de 134 quilómetros por 11 municipios da provincia. A proba contou cunha cifra próxima a 500 participantes de todo o país, deles, 62 dos rexistrados foron mulleres, e unha delas foi a mosense Susana Alonso, que se fixo por terceira vez co título de Campioa de España.

A mosense Susana Alonso adxudicouse o sábado, por terceira vez consecutiva, o Campionato de España de XC Ultramaratón tras acabar primeira a Power Race León, disputada sobre 134 quilómetros e na que estivo acompañada no podio pola lucense Teresa Barreira, terceira clasificada. Nunha xornada marcada polo frío (entre 3 e 15 graos), a choiva non fixo acto de presenza nun percorrido que acumulaba case tres mil metros de desnivel.

Crónica deportiva

Os primeiros 30 quilómetros estaban sinalizados e a partir de aí, ata o quilómetro 110, o GPS exerceu de guía nun trazado que favoreceu que se formasen grupos moi definidos, unha vez que rompeu o pelotón. O dúo galego formado por Susana Alonso e Teresa Barreira impuxo un ritmo moi alto desde a saída que a maior parte das corredoras non puideron seguir. Con todo, a catalá Ramona Gabriel completou o primeiro terzo da carreira na cabeza, coa mosense moi preto e Barreira en terceira posición. Alonso pasou á acción no segundo terzo da proba, no que adiantou a Gabriel e aos poucos foi abrindo unha brecha que chegou aos dous minutos. Mentres tanto, Barreira resistía na terceira praza, a pesar dos intentos da valenciana Marta Romeu, que tratou de adiantala pero acabou sufrindo unha caída que a obrigou a retirarse.

Susana Alonso comezou mandando no tramo inicial da proba, pero viuse asediada polo empuxe de Ramona Gabriel, que unha vez superado o ecuador da carreira chegou a coller o mando. Nos quilómetros finais, a mosense terminaba con maior frescura e volveu a retomar o liderado para impoñerse con algo máis de catro minutos de renda sobre Gabriel, que ocupou a segunda praza en meta.

Por detrás, a tamén galega Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) lideraba a categoría máster-30, pero un fallo no GPS fíxolle perder tempo e tívose que conformar co subcampionato. En categoría elite, Susana Alonso lanzouse en solitario cara á meta e impúxose por diante de Gabriel e Barreira. “Había que navegar e era complicado, non só cuestión de quen estaba máis forte”, explica a mosense, que recoñeceu que “ao principio da carreira fixo moito frío e cando saíu o sol veume ben”. En homes fíxose co título de Campión de España o segoviano Francisco Herrero.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS