Tui avanza na desestacionalización do turismo consolidándose coma un destino turístico atractivo ao longo de todo o ano, tal e coma reflicten os datos da Oficina Municipal de Turismo referidos ao pasado mes de outubro. Así, durante o pasado mes de outubro, a Oficina de Turismo rexistrou un incremento dun 57% no número de persoas, turistas e peregrinos, que solicitaron información con respecto ao mesmo mes do ano anterior, pasando das 1.497 persoas en outubro de 2023 ás 2.353 deste ano.
O turismo internacional rexistrou o principal incremento, pasando de 69 persoas estranxeiras atendidas en outubro de 2023 ás 301 do pasado mes, o que representa un crecemento do 336%. Os principais puntos de orixe foron Reino Unido, Uruguai, Arxentina, Italia ou Portugal. Mentres o turismo nacional creceu nun 46% pasando de 987 a 1.441 persoas procedentes principalmente de Castela A Mancha, Asturias, Madrid, Castela León e Barcelona.
Por outra parte o número de peregrinos e peregrinas tamén creceu, pasando de 447 en 2023 a 605 o pasado mes de outubro. Neste caso tamén as persoas doutros países que estaban a realizar o Camiño foron as que máis consultas realizaron, un total de 424 (un 54% máis que en 2023), mentres que os nacionais subiron lixeiramente até as 181 persoas.
Segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, en outubro foron 9.852 persoas as que realizaron o Camiño Portugués, das que o 78% eran peregrinos estranxeiros (6.896), e o restante 22% de procedencia española (2.212), consolidando Tui a condición dun dos principais lugares escollidos polos peregrinos para iniciar este Camiño Portugués, en concreto o 33% (3.182 peregrinos).
A concelleira de Turismo, Ana María Núñez Álvarez, expresa a súa satisfacción por estes datos da Oficina Municipal de Turismo, que reflicten “o froito da estratexia enfocada na sostibilidade e na diversificación da oferta turística local”. Engade que “Tui consolídase coma un destino cultural e de natureza, que pode desfrutarse en calquera época do ano”. Avanza que “seguiremos traballando para atraer tanto a turistas coma a peregrinos, mantendo sempre o compromiso co desenvolvemento local e a preservación do noso patrimonio”.