martes, noviembre 5, 2024
InicioNewsActualidadeA Xunta aproba o Plan Galego de Reprodución Humana asistida para ofrecer...

A Xunta aproba o Plan Galego de Reprodución Humana asistida para ofrecer «a carteira de servizos máis ampla de España»

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe “o Plan galego de reprodución humana asistida 2024-2028, que vai permitir que Galicia sexa a comunidade que ofrece a carteira deste tipo de servizos máis ampla de España«.

Este Plan estará dotado de 7,84 M€ e trátase “dun dos compromisos” do Goberno autonómico para esta lexislatura, co que se busca “ampliar o número de beneficiarios” dos servizos de reprodución asistida na sanidade pública, tendo en conta que “un 15% das parellas precisan dun tratamento” deste tipo para “ter un fillo”.

Novidades

Entre as principais novidades está ampliar progresivamente a idade máxima de acceso a estas técnicas desde o límite actual dos 40 anos ata cumprir os 45 anos e incluír ás mulleres que xa teñan un fillo. Ademais, vaise permitir a conxelación de óvulos na sanidade pública a mulleres con patoloxías non oncolóxicas e a aquelas de entre 30 e 35 anos que por motivos persoais, sen necesidade de padecer unha patoloxía, decidan pospoñer a súa maternidade. 

Nesta liña, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, indicou que o Servizo Galego Saúde vai garantir que a primeira visita á consulta de reprodución asistida será nun máximo de 60 días desde que se solicite e o acceso aos tratamentos serán nun prazo inferior aos seis meses.

Caamaño tamén explicou que a partir do próximo mes de decembro, a sanidade pública galega ofrecerá a conxelación de óvulos cando exista unha “indicación clínica ante o risco de perda de fertilidade” como no caso de mulleres con endometriose e outras patoloxías non oncolóxicas que precisen cirurxía con risco de perda de fertilidade ous os homes trans. Ata o de agora, a preservación de ovocitos só se ofrece en caso de tratamentos de cancro. 

Grazas á mellora continua das unidades de reprodución asistida do Servizo Galego de Saúde, unha das novidades que a Xunta xa ofrece é a posibilidade de someterse a un tratamento ás mulleres que xa tiveran un fillo mediante fecundación in vitro e conten con ovocitos ou embrións conxelados na sanidade pública.

Desde o vindeiro ano tamén se permitirá o acceso a tratamentos de fertilidade básicos a mulleres con esterilidade secundaria, é dicir, que teñan dificultades para concibir ou xestar logo de ter levado un primeiro embarazo a termo sen problemas.

Un dos obxectivos máis ambiciosos do plan é ofrecerlles ás galegas de entre 30 e 35 anos, por motivos unicamente persoais e sen necesidade de patoloxía, a posibilidade de conxelar óvulos nas unidades do Servizo Galego de Saúde para realizar unha posterior transferencia, sempre co límite dos 45 anos. 

Esta medida implantarase de forma progresiva, de forma que en 2026 incluirase ás mulleres de entre 34 e ata ter os 35 anos cumpridos, en 2027 ampliarase ás de entre 32 e os 34 anos e no ano 2028 estenderase a medida ás mulleres de 30 a 32 anos.

Ampliación da idade para inseminacións e fecundación in vitro

Tamén de forma progresiva elevarase ata o límite de cumprir 45 anos a idade máxima para o acceso ás técnicas de reprodución asistida, como fecundacións in vitro ou inseminacións artificiais, tanto da parella como de doante.

Desta forma, desde marzo do próximo ano 2025, o Servizo Galego de Saúde permitirá o acceso ás mulleres de ata 41 anos cumpridos, en marzo de 2026 ata os 42, no mes de mazo de 2027 ata os 43 anos, en marzo do ano seguinte ata os 44 e, así, en decembro de 2028 cumprir a promesa de facilitalo tamén para mulleres ata os 45 anos.

Máis de 5 M€ para aumentar o persoal

ómez Caamaño indicou que a posta en marcha deste Plan implica unha mellora e incremento de “persoal, medios e infraestruturas”. En concreto, a Xunta vai investir máis de 5 M€ para aumentar os cadros de persoal das unidades de reprodución asistida multiplicando por 2,5 o persoal actual.

Este mesmo ano a unidade da Área de Vigo incorporará un profesional de xinecoloxía, un embriólogo e un técnico de laboratorio. A unidade da Área da Coruña e Cee pasará a contar cun embriólogo e un técnico de laboratorio máis e a de Santiago de Compostela e Barbanza, cun técnico de laboratorio a maiores.

Actualmente traballan nas unidades de reprodución do Servizo Galego de Saúde 30 profesionais entre médicos especialistas en xinecoloxía, embriólogos, analistas, persoal de enfermaría, técnicas de coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) e técnicos de laboratorio.

Co incremento previsto, o número de profesionais chegará ás 74 persoas. Incorporaranse por primeira vez nas unidades un psicólogo para cada unha e tamén un auxiliar administrativo en cada unidade. Ademais, contrataranse 11 xinecólogos, 8 embriólogos, 7 profesionais de enfermaría, 6 técnicos en coidados auxiliares de enfermería e 6 técnicos de laboratorio.

Novo equipamento por máis de 1,7 M€

Ademais, vanse investir outros 1,7 millóns de euros e mellorar o equipamento das actuais unidades de reprodución asistida. As necesidades previstas no Plan implican a compra de 6 ecógrafos, 3 tanques de conxelación de óvulos, 5 cabinas con lupa, 2 incubadoras time-lapse (que contan cunha cámara para evitar extraer embrións para ser analizados para aumentar as súas probabilidades de éxito), 5 neveiras, 4 estufas de cultivo, entre outro equipamento.

Ao mesmo tempo, a Xunta dedicará 1 M€ a obras de adaptación das unidades. En concreto, investirase medio millón de euros no traslado da unidade de reprodución asistida de Vigo da súa localización actual no centro integral de saúde Taboada Leal ao Hospital Meixoeiro. 

No caso da Coruña, 200.000 euros serán destinados a adaptar os espazos actuais da unidade do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera ata que estea operativo o novo CHUAC.

En Santiago de Compostela, realizaranse obras na unidade do Hospital Clínico por valor de 300.000 euros.

Así, a Xunta de Galicia promove a dinamización demográfica con medidas pioneiras en España en materia social como a gratuidade das escolas infantís e outras axudas económicas como a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia.

A maiores, o Goberno galego fomenta a natalidade coas medidas incluídas neste plan xa que arredor do 15 % das parellas precisan da reprodución asistida para concibir un fillo. Ademais tense en conta o caso daquelas mulleres que decidan pospoñer a maternidade por motivos persoais máis aló da idade idónea de xestación.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS