miércoles, octubre 30, 2024
InicioNewsComarcasAs curtas do Festival de Cans chegan ao rural esta fin de...

As curtas do Festival de Cans chegan ao rural esta fin de semana

O Concello do Porriño acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición de Cinemaldea, a iniciativa que o propio concello e o Festival de Cans promoven, para achegar as curtas premiadas en Cans ás zonas rurais do municipio, ao longo das fins de semana do mes de novembro.

No acto, estivo presente o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de cultura Bienvenido Estévez, o coordinador da actividade e membro da organización do festival Raúl Maceira e a representante da asociación As Mimosas de Carracido, Eva Núñez, un dos lugares nos que se proxectarán estas curtas premiadas.

“Cinemaldea é unha actividade da que sentirse orgullosos, porque non existe en ningún Concello de Galicia, é tampouco é fácil achegar o cinema ás zonas rurais”, explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que agradeceu a colaboración do Festival de Cans, a implicación das asociacións veciñais e a resposta do público. 

“Levamos facendo este ciclo hai catro anos, e vemos como cada ano vai habendo máis público en cada centro cultural”, recordou Raúl Maceira, en nome do Festival de Cans. O pasado ano cerca de 300 persoas asistiron ás proxeccións de Cinemaldea na suma de todas as aldeas. En cada sesión proxectaranse as curtas “O Frío” de Pablo Dopazo, que ademáis do Premio Estrella Galicia do Xurado á mellor curta, levou na última edición o Premio á Mellor Dirección e o Premio AISGE ao mellor actor para José María Sanjurjo; a curta “Alguén me chamou serpre negra” de Borja Santomé, Premio á Mellor Curta de Animación e “Betas” de Senín Porto, á que os espectadores concederon o Premio do Público. Ademáis tamén se proxectará “Vinte en Cans”, o documental de Javi Sobrado que recolle a vida na aldea durante a celebración da vixésima edición do festival. Algúns destes realizadores como Pablo Dopazo ou Senín Porto manterán coloquios co público nalgunhas das sesións programadas.

O obxectivo de Cinemaldea é «achegar o cinema e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ao cinema, e ao mesmo tempo cumprir un dos obxectivos do Festival de Cans coa promoción do cinema en contextos rurais».

Este sábado 2 de novembro, ás 19,30 horas, terá lugar a primeira das proxecións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo 3 de novembro ás 18,00 horas na Asociación A Lagoa de Orbenlle, en Budiño. As seguintes sesións serán o domingo 11 na Asociación Cultural de Pontellas, o sábado 16 na Asociación Cultural de Cans e o domingo 17 na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros. As últimas proxeccións do ciclo terán lugar o domingo 24 de novembro na Asociación San Xurxo de Mosende e o sábado 30 na Asociación Cultural Os Penediños de Atios. Todas as proxecións serán de acceso gratuito, ata completar o aforo de cada recinto.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS