Os traballadores e as traballadoras do Concello de Ourense farán a folga que tiñan prevista para este xoves 31 de outubro, pero non levarán a cabo a manifestación «en solidariedade coas vítimas da DANA», segundo apuntan nun comunicado.
Deste xeito, os representantes dos traballadores e as traballadoras do Concello de Ourense informan de que «o 31 de outubro non se celebrará a manifestación da folga que percorrería as rúas da cidade». No seu lugar, ás 12:00 horas, «haberá unha concentración silenciosa na Praza Maior como mostra de respecto coas vítimas e damnificados da catástrofe en Valencia e en Castela a Mancha».
Nun comunicado conxunto, os sindicatos indican que «a folga mantense para o 31 de outubro pero neste caso coa concentración silenciosa de respecto na Praza Maior ás 12:00 horas». Do mesmo xeito, para o día 4 de novembro, «mantense a folga e a manifestación, que neste caso será desde a Subdelegación do Goberno ata a Praza Maior».