O municipio de Valença do Minho pretende potenciar e promover o comercio de proximidade da vila co «maior paquete de investimentos que tivo xamais» a través da posta en marcha do programa «Comercio sen Fronteiras».
O obxectivo de dito programa é ampliar o alcance do comercio local, que ata o momento só consta de venda presencial, a través de plataformas onlines e marketplaces co fin de chegar a novos mercados e consumidores. O ámbito destas axudas non será só no centro histórico, se non tamén para o comercio de toda a vila.
No marco do programa «Comercio sen Fronteiras» existe tamén a intención de crear unha identidade comercial única asociada á marca «Valença» co fin de crear unha rede colaborativa que traballe de forma conxunta, colectiva e estratéxica. Do mesmo xeito, dende a Camara Municipal de Valença aseguran que «se establecerá unha nova dinámica de comunicación entre o municipio e os comerciantes para escoitar as súas necesidades e adaptar as actuacións do programa ás demandas específicas do sector».
Algunhas das medidas concretas que se realizarán no marco do programa serán: a creación dun marketplace, a instalación de MUPIS e mobiliario urbano intelixente, o fortalecemento da rede wifi global, o desenvolvemento de campañas de comunicación dixital para promover o comercio local ou academias e obradoiros de formación, entre outras.
Para o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira “o investimento no programa “Comércio Sem Fronteiras” supón a aposta municipal polo crecemento e a modernización deste sector, vital para a economía local, que se inicia, nesta 1ª fase, na fortaleza, cun investimento de máis de 650 mil euros, financiado polo PRR, no proxecto “Valença Dixital”.
Nunha 2ª fase «este paquete de investimentos avanzará progresivamente en todo o ámbito xeográfico do municipio, con varias actuacións incluídas neste programa” asegura Carpinteira.