O Concello de Ponteareas presenta este mércores o libro Silverio Rivas, editado pola Fundación Xoán Piñeiro co apoio da Consellería Cultura da Xunta de Galicia e dos Concellos de Ponteareas e Tui. Será no salón de plenos ás 19:00 horas aberto a todo o público que queira arroupar ao escultor ponteareán nado na parroquia de Fontenla.
Este é o segundo volume de Nerga que, como colección de libros monográficos, quere seguir contribuíndo a pensar sobre a escultura. Este libro pretende, segundo a fundación Xoán Piñeiro, descubrir a teima do escultor ponteareán “pola escultura pública, pola constante exploración da materia, pola alta expresión poética e polo xogo que imprime aos proxectos que realiza”.
O libro é unha viaxe polas coordenadas históricas dunha vida dedicada á cultura e á escultura. Ademais, está coordinado polo investigador e profesor do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Anxo Rodríguez González. En palabras do coordinador, “Silverio é un dos artistas que máis contribuíu á transformación da paisaxe urbana na nosa terra desde a arte, coas súas esculturas, desde as últimas décadas do século XX”.
O escultor na historia da arte galega
A relevancia de Silverio Rivas na historia da arte galega recente evidénciase polo importante volume de traballos publicados que se teñen achegado sobre a súa obra. O libro ofrece un percorrido pola pegada do autor no eido da escultura. Ademais, achega unha biografía que parte dende a aldea natal, a Madrid, Francia, ata o seu taller en Paramos, Tui. A obra conta coa participación da Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora Uxía González-Otero. Tamén participou Jorge Viz González, Doutor en Historia da Arte pola USC.
A alcaldesa Nava Castro convida a toda a cidadanía a arroupar a presentación deste libro. A obra supón un novo recoñecemento á importancia do creador ponteareán no concepto de arte pública con obras que impactan e abrazan os espazos. “Este merecido libro é o noso xeito de darlle as grazas a Silverio Rivas pola súa incrible aportación artística. Tamén levar o nome de Ponteareas ao máis alto dos foros creativos e ratifica a importancia da nosa vila no eido da Cultura”.
A residencia de artistas Artistea rende culto aos creadores ponteareáns dedicando espazos, habitacións e salas aos máis salientables como é o caso de Silverio Rivas. A súa sala atoparanse oportunidades de formación e creación os novos talentos, tal e como salientaba a alcaldesa no seu discurso inaugural. “Animamos a toda a cidadanía a asistir e así impulsar e reivindicar o talento das nosas xentes que nos configuran como una vila que valora e potencia a arte”.
Silverio Rivas
Inicia a súa formación artística no taller de ebanistería do seu pai, e posteriormente, cursa estudos na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde recibe clases de mestres como Camilo Nogueira. Aprende a técnica de escultura en bronce no taller de Xoán Piñeiro, e recibe unha bolsa que lle permite ampliar coñecementos en Madrid na Escola de Artes e Oficios e no Círculo de Belas Artes. Asimesmo, traballará dous anos no taller do escultor Francisco Barón. Realiza a súa primeira mostra individual en Caixavigo en 1971, e tras esta experiencia, expoñerá en cidades de España e europeas como Munich, Bruxelas, Dublín, París, Frankfurt, O Porto ou Lisboa, entre outras.
Ademais, participa no Laboratorio de Formas de Sargadelos de 1976, onde desenvolve as súas cerámicas articuladas. Tres anos máis tarde instálase en París; na capital gala abre un estudo que manterá ata a actualidade. Ademais, residirá en Bélxica e Holanda, e desde 1986, vive e traballa no seu taller de San Xoán de Palamós (Tui). Membro do grupo Atlántica, foi galardoado co Premio dá Crítica Galicia (1992) e co Premio Laxeiro (2015).
Acompañado da súa dona e representante, Odile Mansuy Silverio Rivas mañá recibirá o abrazo do público na presentación do mesmo xeito que as súas obras reciben aos visitantes.