lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsComarcasDía histórico para as mulleres de Nigrán pola creación do Consello Municipal...

Día histórico para as mulleres de Nigrán pola creación do Consello Municipal da Muller

Este novo órgano de participación institucional foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario desta mañá e as súas decisións serán tidas en conta para deseñar a política de igualdade

O Concello de Nigrán dá un paso máis a prol da participación cidadá creando o «Consello Municipal da Muller». Este novo órgano de carácter informativo e consultivo engádese no consistorio ao Consello da Infancia e Xuventude creado no 2021 ou ao Consello Sectorial do PXOM. As bases foron aprobadas por unanimidade no Pleno Ordinario desta mañá. «É un día histórico para as mulleres de Nigrán, ao fin imos ter un lugar de encontro, de debate e de propostas para trasladar de xeito directo aos órganos municipais que correspondan», valora Patricia Diego, edil de Igualdade que defendeu esta proposta do goberno local no Pleno.

O Consello Municipal da Muller configúrase como un órgano de participación institucional. Asimesmo, garante un espazo onde as asociacións, grupos ou organizacións que traballen no municipio na procura da igualdade poidan expor as súas axendas políticas. Tamén ten como obxectivo avanzar cara ao empoderamento e liderazgo das mulleres, crear sinerxías entre os distintos grupos e ter unha interlocución directa coa administración local. «As súas propostas serán tidas en conta para deseñar a nosa política municipal de igualdade. Tamén lle realizaremos consultas previas sobre os aspectos que estean vinculados, como pode ser o orzamento anual», garante o rexedor, Juan González.

Este novo órgano estará vinculado á Consellería de Igualdade e cinguirase ao termo municipal de Nigrán. A presidencia a ostentará a alcaldía do Concello ou quen delegue, sempre no eido da concellería correspondente. A petición do BNG crease unha vicepresidencia a cargo dalgunha muller non integrante da corporación aprobada no Pleno. Tamén haberá diferentes vogalías que elixirán libremente desde cada asociación. Como mínimo reunirase unha vez ao ano con carácter ordinario. Con carácter extraordinario cando se considere preciso a xuízo da presidencia ou cando o solicite mínimo un terzo dos seus membros.

Programación

O nacemento do Consello Municipal da Muller coincide coa programación específica do mes de novembro con motivo do 25-N, Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero. Este ano o lema será «A violencia mídese! Non ignores os sinais», mostrando nunha imaxe diferentes formas de violencia que se manifestan na vida cotiá e que a maioría das veces non se teñen en conta, ou se confunden. Permite visibilizar a progresión da violencia machista nas relacións de parella e chamar a atención sobre condutas baseadas en estratexias de illamento, control ou desvalorización.

En canto ás actividades, estas comezaron esta mesma semana co obradoiro de canto destinado a mulleres «Con voz propia». A actividade mestura as estratexias propias do ensino convencional do canto cun enfoque músico-terapéutico. Ademais, elabora da expresión musical un vehículo para a expresión emocional e o apoderamento das mulleres.

Asimesmo, desde hoxe e ata o 25 de novembro terán lugar nos centros educativos as charlas teatralizadas «A violencia de xénero nos videoxogos«. A actividade é unha experiencia de ficción interactiva apoiada en actores que desenvolverán tres sketches. Cada un deles escenificará situacións relacionadas cos videoxogos. Unha presentadora incentivará o debate e interpelará ao público sobre aspectos relacionados coa posta en escena sen obviar aqueles outros que poideran ser suxeridos. Tamén nos centros educativos de Nigrán, do 18 ata o 22 de novembro o Concello ofrecerá o contacontos «Somos iguais. Contos pola igualdade«, a cargo de Raquel Queizás. Narraranse historias que rompen cos estereotipos que abundan nos contos. Tamén identificaranse situacións ás que as crianzas se enfrontan día a día e onde a violencia ou a agresividade fisíca e verbal pode ter solución grazas á palabra.

Actividades no Auditorio Municipal

Xa para todos os públicos, o sábado 9 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal proxectarase «O Corno». Este é filme ambientado en Galicia a principios da década de 1970 que fala da maternidade e a solidariedade feminina. Ademais, foi galardoada coa Concha de ouro á mellor película no Festival de San Sebastián 2023.

O seguinte sábado 16 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal ofrécese a obra de teatro «Comando Comadres», un espectáculo en clave de humor a cargo da compañía Matrioshka Teatro. Un grupo de art-ivistas organizadas en diferentes comando poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual.

Finalmente o sábado 23 de novembro no Auditorio Municipal ás 20:00 horas terá lugar o monólogo «Os contos que elas me contaron». Estará a cargo de Paula Carballeira, escritora, actriz profesional de teatro e da narración oral. O espectáculo é un reflexo das vivencias de Carballeira na súa infancia e a súa paixón pola narración oral, oficio que cultiva durante mais de vinte anos. «Cando era nena non me contaron moitos contos pero despertaron en min pequenas intrigas que me fixeron buscar historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que coñecía ou que descoñecía, na vida pola que camiñaba, case correndo…»

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS