domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaSalceda remata o proceso de revisión da numeración

Salceda remata o proceso de revisión da numeración

O Concello de Salceda de Caselas vén de colocación as placas identificativas nas vivendas das parroquias logo de facer o mesmo no casco urbano

A acción é unha resposta a diversas solicitudes veciñais ante a problemática que se viña dando, sobre todo nas parroquias, da dificultade de identificación dos inmobles por parte dos servizos de correos e paquetería e dos servizos de emerxencias.
Con esta iniciativa, realizáronse os traballos precisos para que no ámbito das parroquias do municipio se dispoña dunha numeración de inmobles actualizada, tanto nos núcleos de poboación (rúas, prazas, etc.) como das entidades diseminadas, así como unha actualización do rueiro municipal (vías e lugares).

No total do Concello dos 2.697 números so se cambiaron 843

O proceso de revisión da numeración, iniciado en maio de 2020, foi realizado por unha empresa especializada, en coordinación co equipo técnico municipal e de acordo coas normas ditadas polo Instituto Nacional de Estatística para tal fin.
No caso de Salceda nunca se realizara unha revisión integral da numeración e co crecemento exponencial de moitos barrios do rural os criterios de asignación xa non eran válidos. Durante a fase de análise o criterio seguido foi o de intentar modificar o menor número posible de barrios e vivendas, conscientes do trastorno que ocasiona durante o período de cambio, mais moitos dos núcleos de poboación contaban cunha numeración moi desordenada e desfasada.

Dúas fases

A acción constou de dúas fases, unha previa de análise e ordenación da numeración e unha segunda na que se instalaron placas identificativas en todas as vivendas do termo municipal. O orzamento total ascendeu a 32.759,54 euros e foi financiado a cargo do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Lucía Pereira, concelleira de Réxime Interior, sinala que “somos conscientes dos trastornos que para algunhas persoas isto pode causar, mais con este traballo sentamos as bases e os criterios para o futuro, co obxectivo claro de lograr unha numeración integral do Concello ordenada e definitiva, solucionando os problemas que se xeraban nos servizos de reparto postal e de paquetería e coa localización das vivendas por parte dos servizos de emerxencias”.

Pola súa banda, a alcaldesa explicou que “esta numeración facilita na práctica trámites cotiás como a recepción de envíos postais ou a tramitación de documentación administrativa. Ademais existían inmobles sen identificación ou que a mesma era errónea, polo que era necesaria esta reorganización”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS