domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeA Xunta convocará en 2025 como mínimo 1.600 prazas de profesorado

A Xunta convocará en 2025 como mínimo 1.600 prazas de profesorado

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta convocará o vindeiro ano como mínimo 1.600 prazas de profesorado a través dunha nova oferta de emprego público, «oposicións que se levarán a cabo nun contexto de baixada continuada da matrícula», segundo apuntan desde a adminsitración autonómica. Insistiron en que «permitirá que Galicia siga mellorando o número de alumnos por profesor, que xa é a terceira mellor de España, con 9,8 fronte á media estatal de 11,4.

Así o manifestou na Comisión 3ª do Parlamento, onde compareceu co seu equipo para presentar os orzamentos do seu departamento para 2025, que medran e superarán por primeira vez os 3.000 millóns, o maior investimento realizado nunca polo Goberno galego en materia de ensino e investigación. Estas cifras van permitir que Galicia continúe sendo unha das comunidades autónomas que máis inviste por estudante, con 8.075 euros, é dicir, 1.000€ máis que a media estatal situada en 7.043€, segundo as últimas estatísticas oficiais publicadas polo Ministerio de Educación, FP e Deportes.

“Galicia vai dispoñer do maior orzamento da súa historia dedicado á Educación, á Ciencia, á Universidade e á Formación Profesional e o fai por quinto ano consecutivo”, explicou Román Rodríguez, quen cifrou en máis de 121 millóns de euros o incremento respecto ás anteriores contas, en termos de orzamento consolidado. É dicir, un aumento do 4,2%.

Salientou que o apartado de Educación é o de maior peso da Xunta despois de Sanidade e representa case un 20% do orzamento total. Isto é posible grazas a un reforzo de fondos propios ante a retirada progresiva dos fondos extraordinarios europeos. Mentres, a área de investigación medra globalmente 78 millóns ata os 372, “un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta que demostra o compromiso co fomento do I+D+i”, detallou o conselleiro de Ciencia, quen lembrou a aposta do presidente Alfonso Rueda por elevar a rango de Consellería esta competencia nesta nova lexislatura co obxectivo de “buscar novas solucións para mellorar o benestar e calidade de vida da cidadanía e xerar coñecemento aplicable ao desenvolvemento económico e social”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS