O presidente da Xunta participou na celebración do X Aniversario do Centro Tecnolóxico da Auga de Galicia (Cetaqua)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este martes un investimento de 40 millóns de euros nos orzamentos de 2022 para seguir avanzando no saneamento das rías galegas. Unha achega que se sumará aos máis de 1.100 millóns destinados desde 2009 para garantir un servizo de auga e depuración en condicións, avanzar no saneamento integral das rías, así como na mellora da calidade das augas, da que dependen sectores como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo.
Durante a celebración do X Aniversario do Centro Tecnolóxico da Auga de Galicia (Cetaqua), Feijóo garantiu, deste xeito, o compromiso do Goberno galego cunha Galicia verde e azul.
Con este obxectivo, recordou que «a Comunidade foi unha das primeiras en poñerse a traballar na loita contra o cambio climático, coa creación da Dirección xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a posta en marcha da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e da Estratexia galega de economía circular 2020-2030 e coa aprobación da Lei de residuos e solos contaminantes». Todo isto, engadiu, para avanzar cara a un dobre obxectivo: facer de Galicia un referente do cambio cara a un modelo económico baixo en emisións e acadar canto antes a chamada neutralidade climática.
Así mesmo, e no tocante á xestión da auga, destacou os traballos para afrontar con máis garantías os eventuais episodios de inundacións ou de seca, estes últimos reflectidos na Lei de medidas de garantía do abastecemento. Referiuse, ademais, ao impulso para a creación dun novo marco normativo de xestión do ciclo integral da auga para, co reforzo do apoio aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, ofrecer uns servizos aos veciños eficaces e de calidade, avanzando, ao tempo, nos obxectivos ambientais.
Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo galego referiuse tamén ao papel de Cetaqua, que cumpre dez anos, como exemplo de xestión eficaz e eficiente da auga e da relevancia da colaboración público-privada, entre a Universidade de Santiago, o Centro Superior de Investigacións Científicas e Viaqua. Non en van, ao longo desta década, Cetaqua implicouse en proxectos para dar resposta aos retos ambientais con solucións tecnolóxicas innovadoras, apostando pola sustentabilidade e a eficiencia do ciclo integral da auga e implementando estratexias de economía circular.