O Pleno ordinario do mes de outubro do Concello de Mos comezou hoxe co recibimento a Juan Óscar Otero Lago, vicepresidente da Asociación Galega Residentes de Mos en Bos Aires. Alcaldesa e voceiros da Corporación Municipal mosense agradecéronlle a Otero a súa visita e destacaron o seu gran labor. Desde hai 8 anos Juan Óscar desenvolve como vicepresidente a prol do Mos na emigración.
Pola súa banda Óscar Otero realizou unha intervención sobre o Mos da emigración e abordou o labor desenvolvido na capital arxentina pola entidade de cuxo equipo directivo forma parte. Fixo un repaso da traxectoria histórica da Asociación dende a súa creación en 1918, así como do traballo actual que nela se realiza. E destacou a figura do alcalde mosense exiliado na Arxentina, Segundo Pampillón.
Nidia Arévalo, rexedora local mosense, agredeceu “como alcaldesa e sobre todo como veciña mosense que coñece de primeira man a dureza da vida dos emigrantes. Parte da miña familia é emigrante, a tarefa altruista das persoas que como Óscar se suman a dirixir entidades coma a Asociación de Bos Aires, que tanto fan polas nosas raíces, pola nosa historia e costumes”, declarou.
Na súa intervención Arévalo salientou que “a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires é a undécima parroquia mosense situada ao outro lado do Océano Atlántico. A que nos mantén unidos aos mosenses de aquí e aos de alá, a pesares dos 11.000 quilómetros de distancia que nos separan fisicamente. Por iso hoxe lle traslado as máis expresivas e sinceras gracias ao Mos de Bos Aires. Polo mimo, coidado, bo facer, amor e profundo respecto cos que preservan as nosas tradicións mosenses na emigración. Así como aproveito para felicitalo tamén pola celebración do 106 Aniversario da Asociación que ten lugar este ano”.
Asociación Galega Residentes de Mos en Bos Aires
A Asociación Galega Residentes de Mos en Bos Aires fai un arduo, incansable e incesante traballo para preservar as historia e cultura de Mos e de Galicia dende hai máis dun século. A Asociación foi creada en 1918 por un grupo de inmigrantes para poder aplacar a súa morriña. Foi crecendo, cos anos, coa participacion dos seus fillos e netos e tamén coa xente que atopaba no lugar e na cultura galega un sentimento. Representada polas súas escolas de Baile, Gaita e Canto tradicional Gallego, trata de manter sempre vivas as raices e tradicións dos devanceiros galegos e mosenses.
Un aspecto destacable da Asociación de Bos Aires é o interese e esforzo para que a xuventude participe na Asociación e se convirta no seu motor e poder así manter vivas as raíces mosenses. “Na mocidade está o futuro, e vos o sabedes e o poñedes en valor. Por elo noraboa e parabéns”, apuntou a alcaldesa Nidia Arévalo.
Cómpre lembrar que a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires recibiu en 2010 a Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos, e foi a encargada de dar o Pregón da Festa da Rosa ese mesmo ano. Ademais o Concello de Mos nomeou en 2017 Fillo Predilecto de Mos a José Leirós Pereira que durante 17 anos foi presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.