domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsA RaiaGalicia e o Norte de Portugal apostan polo tren de alta velocidade

Galicia e o Norte de Portugal apostan polo tren de alta velocidade

Fixeron este luns en Braga fronte común na “Conferencia Fondos Europeos: Miño e Galicia”

 A conferencia Fondos Europeos: Miño e Galicia, organizada pola Confederación empresarial da Rexión do Miño, (ConfMinho), celebrada hoxe en Braga «amosou que os empresarios e os axentes políticos de Galicia e o Norte de Portugal están decididos a aproveitar ao máximo, e en total sintonía, as oportunidades que ofrece para a Eurorrexión o novo marco financeiro plurianual 2021-2027», segundo apuntan dende o goberno galego.  En concreto, os relatores apostaron polo tren de alta velocidade e a transición dixital, se ben coincidiron tamén á hora de pedir unha maior cohesión territorial na Eurorrexión.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, subliñou que a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal «é un exemplo en Europa de cooperación a ambos lados da fronteira, dende que se creou a Comunidade de Traballo en 1991». Para Gamallo, Galicia e o norte de Portugal son «moito máis que cooperación e fondos europeos por esa identidade común, xeográfica e cultural a un lado e outro da raia».

Nesta liña, insistiu no plan de reactivación económica levado a cabo pola Eurorrexión durante a pandemia, que foi considerado polo Eurobarómetro do Comité de Rexións de Europa un exemplo de cooperación de proximidade. Ademais, engadiu que o novo cadro financeiro plurianual é a oportunidade para a transición enerxética, transición dixital e transición demográfica en Galicia e o norte de Portugal.

Xunto a Jesús Gamallo interviron o presidente da CCDR-Norte e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, António Cunha, e o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), Nuno Almeida, cos que o director xeral de Relacións Institucionais e coa UE fixo fronte común á hora de reivindicar as necesidades da Eurorrexión e de atender aos desafíos que se lle presentan ante o novo marco financeiro.

Ademais, no transcurso do acto en Braga asinouse un convenio de colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Confederación Empresarial do Minho (ConfMinho).
 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS