O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a figura do arquitecto Antonio Palacios coma un galego universal cun amplo legado tanto dentro como fóra da comunidade. “Foi un magnífico embaixador da súa terra e simboliza a unión entre Galicia e Madrid”, indicou.
Durante unha xornada de conmemoración do 150º aniversario do nacemento do artista na súa localidade natal, na que tamén participaron a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde madrileño, José Luis Martínez-Almeida, Rueda resaltou que malia que Palacios desenvolveu gran parte da súa carreira profesional en Madrid, “nunca esqueceu de onde viña e exerceu e reivindicou sempre a súa condición de galego”.
O arquitecto deixou a súa pegada na comunidade a través de importantes obras coma a Casa Consistorial do Porriño, o Templo Votivo do Mar en Panxón ou o Templo da Veracruz no Carballliño. E no caso de Madrid, Palacios foi o autor de edificios emblemáticos e salientables da historia da capital coma o Palacio de Cibeles -actual sede do concello de Madrid-; o edificio do Círculo de Belas Artes ou as feitas durante a súa etapa coma arquitecto xefe do Metro, entre as que está deseñar o seu logotipo.
Nesta liña, Rueda fixo fincapé na importancia da arquitectura á hora de configurar “a identidade e o carácter das cidades”. “As persoas pasamos, pero as obras son as que perduran e a arquitectura é un bo exemplo”, salientou.
Por outra banda, o presidente salientou o gran recibimento que tivo Palacios na capital madrileña e destacou que «tanto Galicia como Madrid son terras abertas e acolledoras«.
150 aniversario
A Xunta está a colaborar co concello do Porriño para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios con diferentes iniciativas coma a posta en marcha dunha sala de exposicións dedicada ao artista no municipio.
Fotografías de Anxo Gutiérrez