viernes, octubre 25, 2024
InicioO PaísA CoruñaA conselleira M. Allegue avanza a creación da Sociedade Pública de Vivenda...

A conselleira M. Allegue avanza a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas detallou na Comisión 3º do Parlamento os Orzamentos da consellería para 2025: un total de 513,8 millóns de euros, un 8% máis que o ano pasado

A conselleira M. Allegue avanza a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia. Así o destacou a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos Orzamentos do departamento que dirixe para 2025. O importe é de 513,8 millóns de euros, un 8% máis que o ano pasado. Remarcou que ao abeiro destas contas autonómicas se configurará unha sociedade que nace da escisión de Xestur. Este co fin de separar a xestión da vivenda e do solo residencial do industrial e continuar avanzando na Estratexia da vivenda pública e protexida.

Lembrou que actualmente xa están en marcha máis de 1.500 vivendas de promoción pública das que case a metade están en fase de construción. A estas súmanse as 143 vivendas que se van adquirir a particulares cun investimento de case 8 millóns. Tamén as 256 que están en construción por parte de cooperativas en terreos propiedade da Xunta.

De xeito máis concreto, referiuse ás máis de 600 vivendas públicas en marcha en Navia, en Vigo e as 360 licitadas no Bertón, en Ferrol. Tamén 178 licitadas en Valdecorvos, en Pontevedra, das que 74 están en execución e ás 146 protexidas en Garabolos, en Lugo. Ademais, 104 en marcha en Xuxán, na Coruña; 64 licitadas en Cambedo de Raia, en Ourense; ou 60 en Santiago, en obras.

Partida histórica para vivenda

Cómpre destacar que os Orzamentos do vindeiro ano destinan 240 millóns de euros a políticas de vivenda e urbanismo. Desta cantidade, a metade dirixiranse á construción de nova vivenda pública e adquisición de solo residencial. Estas cifras supoñen que se tripliquen os investimentos reais en vivenda e que se estea ante o orzamento máis alto da historia do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Trátase duns presupostos que permitirán investir 191 euros por habitante, nos que 40 de cada 100 euros estarán destinados a políticas de vivenda.

Fixo fincapé en que un dos obxectivos desta consellería para esta lexislatura é duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ás 8.000 e facilitar solo para construír 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres. Para avanzar neste fito, salientou que o próximo ano se destinan 100 millóns de euros para a construción de nova vivenda de protección pública. Tamén 20 millóns para impulsar o desenvolvemento de solo residencial para vivenda pública, protexida e libre.

De xeito paralelo á construción de vivenda, a conselleira apuntou que a Xunta impulsa a rehabilitación. Reservanse para este obxectivo máis de 52 millóns de euros para o vindeiro exercicio. Destacou o capítulo para o Programa Rexurbe, dotado de 7 millóns que permitirán acometer 65 actuacións e das que xa están en marcha 24 vivendas en Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Ribadavia ou Tui. Remarcou o Programa de Axudas á Rehabilitación, con máis de 26 millóns de euros; ou as subvencións para a mellora da accesibilidade por importe de 7,75 millóns. Adiantou que a Consellería convocará ao longo do ano o Fondo de cooperación para rehabilitación, poñendo a disposición dos concellos un orzamento de 10 millóns de euros.

Emancipación da mocidade

María M. Allegue puxo o acento na mocidade, considerando as dificultades que atravesan para acadar a emancipación. O Goberno galego vai reforzar as medidas dedicadas a favorecer o acceso dos mozos á vivenda. Ademais, salientou a posta en marcha de aloxamentos temporais en alugueiro para menores de 36 anos, que se está a impulsar en colaboración coa Consellería de Cultura.

Concretou que a Xunta reserva para esta franxa de idade o 40% en alugueiro e o 25% en venda das novas vivendas que se constrúan. Tamén garantiu o mantemento do Aval Mozo, co que se blinda ata o 20% da hipoteca concedida. Confirmou que o Executivo autonómico seguirá xestionando o Bono Alugueiro Mocidade, estando á espera da transferencia dos 11,4 millóns de euros que o Goberno destina a Galicia.

Medidas lexislativas e fiscais

A conselleira indicou que se incluíron na Lei de Acompañamento destes Orzamentos medidas lexislativas e fiscais. O obxectivo é axilizar trámites para incentivar a posta no mercado de vivendas, promover a rehabilitación e reducir taxas para edificios destinados a vivenda. No que atinxe ás medidas lexislativas, haberá cambios na Lei de Vivenda de Galicia. Por exemplo, establecendo a cualificación indefinida e permanente do réxime de protección das VPP e das VPA que se constrúan nun solo desenvolvido por promotor público a partir da entrada en vigor da norma.

En canto ás medidas fiscais, sinalou dúas rebaixas. A primeira, a efectos de bonificación tributaria equipárase ao concepto vivenda, aquel local comercial adquirido para uso residencial. A segunda, bonificarase o 75% en actos xurídicos documentados para edificios destinados a alugueiro nas escrituras públicas outorgadas.

Outras medidas a implantar consisten na simplificación dos requisitos para a conversión de baixos en vivendas ou a modificación do réxime especial para o remate de vivendas inacabadas. Para este poderá solicitarse licenza de rehabilitación ata 2028, tendo en conta que os novos edificios terán que destinar, como mínimo, a metade das novas vivendas a protexidas.

Urbanismo responsable e sostible

Allegue asegurou que o departamento que dirixe tamén seguirá avanzando na ordenación territorial sostible e responsable. Para iso, os Orzamentos dedican 14 millóns de euros, dos que máis de 10 están destinados para actuacións en concellos, contornas urbanas e equipamentos municipais. Ademais, no ano 2025 esta Consellería tamén continuará velando pola protección da legalidade urbanística, para o que a APLU contará cun presuposto de 5,3 millóns.

Infraestruturas: vertebración e seguridade

As infraestruturas constitúen o segundo dos grandes eixos desta consellería, baixo a premisa de acadar unha Galicia máis vertebrada, segura e sostible. Para seguir avanzando nese reto, a Axencia Galega de Infraestruturas contará o vindeiro exercicio cun total de 265 millóns de euros.

A Conselleira puxo o acento en incrementar os quilómetros das vías de alta capacidade e variantes, libres de peaxe, aos que se destinarán case 63 millóns de euros. Tamén conservar e mellorar a rede de estradas autonómicas, con partidas que suman 68 millóns.

No que se refire ás vías de altas prestacións, a Xunta porá en servizo o treito entre A Ramallosa e a AC-241 da autovía Santiago-A Estrada e licitará o seguinte treito ata O Rollo. Así mesmo, multiplicará por cinco o orzamento destinado á autovía Tui – A Guarda, con 9 millóns de euros. Tamén por catro a dotación para a prolongación da Autovía da Costa da Morte, con 8 millóns. Avanzarase na conversión en autovía do Corredor Brión-Noia, cun investimento de 4 millóns de euros; e da VAC Nadela – Sarria, destinando 2 millóns.

En relación á xestión destas vías de altas prestacións, o Goberno galego está a levar adiante o rescate da concesión de catro das autovías de peaxe en sombra. Salnés, Barbanza, Ourense- Celanova e Santiago-Brión, desde o 1 de xaneiro de 2025 pasarán a ser de xestión pública. Esta iniciativa posibilitará un aforro de máis de 330 millóns de euros en cánones e liberar arredor de 30 millóns cada ano para as finanzas públicas galegas.

No ámbito prioritario da seguridade viaria, onde Galicia é un referente nacional, proseguirá a Estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes. Será cun orzamento de 5 millóns de euros. A aposta pola mobilidade sostible tamén recibirá pulo coa extensión do Plan de Sendas de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS