A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na reunión convocada pola Xunta sobre o galego as propostas “concretas, razoables e de mínimos do BNG para reverter a crítica situación na que se atopa a lingua e que pasan por tres cuestións fundamentais: derrogar o decreto da vergoña, triplicar os orzamentos destinados ao apoio ao idioma e cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística», segundo avanzou.
Logo de avanzar que o Bloque enviará por escrito ao Goberno do PP as súas propostas, Pontón referiuse á primeira, «á derrogación do decreto da vergoña, como unha cuestión central porque é o elemento que está provocando a desgaleguización entre as novas xeracións” e que “se queremos facer algo real para cambiar a situación, hai que cambiar o decreto”, recalcou.
Desgaleguización da escola
Nesta liña, indicou que o decreto “foi un retroceso que está provocando unha desgaleguización da escola”, que “está facendo que os nenos e as nenas que entran falando galego se vaian falando castelán”, polo que o considerou un punto de partida básico á hora de tomar “medidas reais” que permitan reverter a situación, explicou logo da reunión co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, da que criticou a ausencia do titular do Executivo, Alfonso Rueda.
A portavoz nacional considerou que a ausencia de Rueda no encontro “delata a súa falta de compromiso para reverter o declive da lingua, dado que un presidente que tivera a máis mínima preocupación a respecto da situación do idioma, tendo datos tan demoledores como os do informe do IGE, sería o primeiro en querer liderar un proceso que revertera a situación tan preocupante que ten o noso idioma”, afondou.
Neste sentido, lamentou que, pese a non acudir á reunión, o titular do Executivo si deixara marcadas “liñas vermellas” como o mantemento dese decreto que “fai estragos” convertendo “o galego nunha lingua de segunda” en base a un suposto plurilingüismo que cualificou de “timo”.
“Non hai máis inglés nin máis galego, o único cara ao que se camiña é cara a un monolingüísmo en castelán”, sintetizou a líder nacionalista, quen tamén denunciou unha segunda liña vermella sinalada por Rueda, a de “estar quince meses mareando a perdiz cando existe realmente unha situación crítica do noso idioma”.