jueves, octubre 24, 2024
InicioNewsComarcasO CTAG constuirá un novo edificio no Porriño para investigar sobre o futuro...

O CTAG constuirá un novo edificio no Porriño para investigar sobre o futuro da industria do automóbil

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación das novas infraestruturas que vai construír o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) para a investigación sobre o futuro da industria do automóbil e no que a Xunta de Galicia inviste 4M€. Esta actuación, que ten un orzamento total de 8M€, supón dar un paso máis “na modernización e adaptación ás novas tecnoloxías do sector da automoción”, dixo Román Rodríguez.

Este centro do Porriño levantará un novo edificio dotado con equipos para impulsar as súas investigacións no futuro da industria do automóbil, asociado ás liñas de investigación da mobilidade autónoma, conectada, segura e ecolóxica. Concretamente, o CTAG localizará no futuro edificio equipamentos relacionados coa eliminación das emisións contaminantes, así como os relacionados mobilidade máis conectada e autónoma.

Unha das unidades, como explicou durante a visita o responsable de CTAG Luis Moreno, centrarase en tecnoloxías de propulsión limpas (vehículo híbrido, eléctrico e de hidróxeno) que permitirá dar cabida a novos equipos de ensaio co obxectivo de optimizar e facer viables as tecnoloxías de transporte alternativas aos combustibles tradicionais. Instalaranse equipos de ensaio como a cámara climática para validación de compoñentes de vehículo eléctrico ou a cámara walk-in para ensaios de baterías. Este espazo tamén contará cunha zona de preparación de mostras e unha sala de control para o seguimento e monitorización de ensaios.

A outra das unidades estará destinada á investigación de vehículos autónomos para abordar os retos que presentan estas novas tecnoloxías, tanto en investigación como en desenvolvemento e validación do vehículo do futuro. Contará con equipos recentes, incluíndo bancos de probas de condución autónoma e conectada.

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, Román Rodríguez puxo en valor o traballo que desempeñan os centros tecnolóxicos, aos que compromete o apoio da Xunta de Galicia debido a transcendencia do seu labor. “O obxectivo conxunto é acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado”, sinalou. “Por iso, con esta achega queremos contribuír a afianzar o CTAG como centro de referencia en Europa, coincidindo cos retos actuais e vindeiros para manter a competitividade do sector da automoción, estratéxico para Galicia”, engadiu o representante da Xunta de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS