viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO concurso María Moliner do Ministerio de Cultura premia á Biblioteca Municipal...

O concurso María Moliner do Ministerio de Cultura premia á Biblioteca Municipal de Tui

O galardón recoñece a calidade do Proxecto da Campaña de Animación Lectora promovido pola Biblioteca tudense

A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de ser galardoada no Concurso de Proxectos da Campaña de Animación Lectora “María Moliner” 2024, na súa 24ª edición. Este prestixioso concurso, promovido polo Ministerio de Cultura e Deporte, premia os mellores proxectos dirixidos a toda a veciñanza. Así mesmo, valora os que teñen especial atención a colectivos con dificultades para acceder á lectura, levados a cabo por bibliotecas públicas en municipios con menos de 50.000 habitantes.

Este premio María Moliner está dotado con 2.777,77 euros, que a Biblioteca destinará á adquisición de libros e publicacións. O obxectivo é continuar enriquecendo o seu fondo bibliográfico e garantindo un acceso continuo á lectura para toda a comunidade. A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “este recoñecemento resalta o compromiso da Biblioteca de Tui coa promoción da lectura. Así mesmo, a súa dedicación para fortalecer os lazos culturais e sociais, consolidando o seu papel como un centro cultural activo e de referencia”. A concellería amosa o seu agradecemento á poboación xa que “a súa implicación e participación foi clave para o éxito deste proxecto”.

«Tui en Letras»

O proxecto “Tui en letras” desenvolvido pola biblioteca tudense foi recoñecido pola súa contribución á promoción da lectura e a cultura. O galardón consolida á Biblioteca como un centro cultural activo, fomentando a participación en actividades que enriquezan a vida social e cultural de Tui. Así a Biblioteca Municipal de Tui leva a cabo, dende hai máis de quince anos, o programa de actividades “Tui en letras”. Esta iniciativa coincide coa celebración do “Día do libro”, 23 de abril e o “Día das Letras Galegas”, 17 de maio.

Varias citas periódicas e outras actividades temporais centran este programa “Tui Le”, no que participan todas as bibliotecas escolares de Tui así como a Biblioteca Municipal de Valença. Desde hai 25 anos celébrase, coincidindo co “Día das Letras Galegas”, a Feira do Libro en Galego. Nesta participan as librerías da localidade e conta con actividades de animación. Ademais, completa o programa un amplo abano de actividades de animación á lectura, promoción da lectura pública e extensión bibliotecaria.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS